[12-04-2018] A compañía teatral A Panadaría presentará a gala da segunda edición dos Premios Youtubeir@s, que se celebrará o vindeiro 20 de abril, no Teatro Colón da Coruña ás 20:00 horas. Desta maneira, as actrices Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman serán as encargadas de subir ao escenario para conducir a entrega dos premios do Proxecto Youtubeir@s, no que este ano se inscribiron máis de 230 propostas. As entradas para a gala son gratuítas e pódense reservar con antelación a través da páxina web do Teatro Colón. Do mesmo xeito, estas tamén estarán dispoñibles na billeteira do teatro o propio día da gala. A iniciativa Youtubeir@s está organizada polos Servizos de Normalización Lingüística dos Concellos de Ames, A Baña, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove, polas tres universidades e pola Deputación da Coruña.

A compañía A Panadaría, conformada polas actrices Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, presentará o vindeiro venres, 20 de abril, ás 20.00 horas no Teatro Colón da Coruña, a gala dos Premios Youtubeir@s, aos que aspiran 25 finalistas escollidos polo xurado entre as 230 propostas inscritas. A prestixiosa compañía teatral, que neste 2018 foi a gran triunfadora dos Premios de Teatro María Casares grazas a súa obra Elisa e Marcela, ofrecerá unha gala arredor da xeración millennial e dos contidos xerados en internet, misturando o humor, a música e o protagonismo das persoas participantes para celebrar os contidos en galego, que están a agromar na rede a través desta iniciativa. As persoas interesadas en asistir á gala poden reservar a súa entrada a través da páxina web do Teatro Colón. Así mesmo, as entradas tamén estarán dispoñibles na billeteira do teatro o propio día da gala. Os vídeos finalistas pódense ver nesta ligazón.
O proxecto Youtubeir@s busca promover e visibilizar o uso do galego en Internet, nomeadamente nunha das redes máis influentes do momento: Youtube. O proxecto está organizado polos Servizos de Normalización Lingüística dos Concellos de Ames, A Baña, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove, polas universidades da Coruña, Santiago e Vigo e pola Deputación da Coruña.
230 vídeos e canles e 5.500€ en premios
Nesta segunda edición, rexistráronse un total de 230 inscricións entre vídeos e canles participantes nas categorías de vídeo-facermos, vídeo-opinarmos e canle. Estas categorías están dotadas con 1.000€ cada unha delas. Así mesmo, o proxecto tamén contempla catro premios máis valorados en 500€ cada un que valorarán a creatividade, a eficiencia comunicativa, a calidade técnica e a calidade lingüística dos vídeos presentados. De igual maneira, na gala darase a coñecer o premio do público, que xorde dos vídeos propostos polas persoas usuarias de YouTube.
Nesta edición, a categoría que maior interese concentrou entre os concorrentes foi a de vídeo-facermos, na que compiten un total de 116 propostas, o que supón o 50% dos vídeos a concurso. A categoría de vídeo-opinarmos, pola súa banda, aglutina o 38%, ao constar con 88 participantes.
Dende o punto de vista temático, os datos amosan que nesta edición ten unha grande relevancia a igualdade de xénero, asunto social que centra unha parte considerable dos vídeos achegados. Tamén destacan as propostas de carácter didáctico, o que consolidada a plataforma Youtube como unha ferramenta educativa en galego completamente válida. Finalmente, na categoría de vídeo-facermos continúan a estar moi presentes as receitas de cociña e os vídeos de horta.
No tocante ás franxas de idade, os datos reflicten que o 40% das persoas participantes atópanse entre os 30 e os 50 anos, mentres que o 31% ten unha idade comprendida entre os 18 e os 30. Neste sentido, cómpre destacar tamén que o 13% das persoas aspirantes aos galardóns teñen idades superiores aos 50 anos; un público ao que tamén se dirixiu esta iniciativa, co obxectivo de fomentar o uso de Youtube entre as xeracións de maior idade.





