Pestanas principais

Palmira Bulevar celebra o Nadal amosando un belén de máis de 300 pezas antigas

Martes, 21 de decembro de 2021

Un belén antigo con pezas de gran valor artístico, unha exposición de nacementos de todo o mundo, un photocall cun camelo de tamaño natural, os renos de Papá Noel e caixa de correos para enviar as cartas aos Reis Magos. Até o día 7 de xaneiro, a Asociación de Comerciantes Palmira Bulevar do Milladoiro inunda a rúa de espírito de Nadal. O belén, que conta con máis de 300 pezas entre figuras e construcións, e que constitúe o elemento máis importante da oferta de Nadal desta asociación, pódese visitar de luns a venres polas mañás, e as fins de semana e os festivos entre as 17:00 e as 20:00 horas. Previamente é necesario pedir cita no teléfono 600 793 869.

Hai cinco anos que a pequena capela da Madalena da rúa Palmira Bulevar expón un belén no que figuran pezas antigas, algunhas delas de máis dun século. “O belén procedía de Muros, da casa da familia do meu compañeiro, Eugenio Crespo; nos seguimos a tradición e, ademais de restaurar moitas das figuras, fomos sumándolle pezas cada Nadal de xeito que xa case non nos cabía na casa; entón establecemos contacto con Xosé Manuel da Asociación Palmira Bulevar e ofreceunos a posibilidade de expoñelo na capela da Madalena”, manifesta Reyes Cancela, a propietaria do belén e a persoa que se encarga na actualidade de amosarllo ao público.

Para a Asociación Palmira Bulevar é “toda unha honra poder expoñer un belén destas características na capela onde se custodia a imaxe de Santa Madalena, a patroa do Milladoiro, que está situada na mesma rúa Palmira Bulevar”, manifesta Xosé Manuel Fernández, presidente da Asociación. Xosé Manuel salienta a importancia que ten este belén no marco da decoración da rúa “é a peza crave en torno ao que xira o resto dos elementos decorativos que ano a ano imos ampliando”.

Exposición de beléns de preto de 100 países
Ademais do belén instalado na capela, o escaparate de Arola amosa unha colección de beléns de todo o mundo con representación de preto de 100 países. A asociación tamén ofrece este ano un photocall onde a veciñanza poderá fotografarse diante dun camelo de tamaño natural. Complementan a decoración de Nadal desta emblemática rúa do Milladoiro, os renos de Papá Noel e unha caixa de correos a través da que os rapaces e rapazas poderán enviar as súas carats aos Reis Magos.

“É moito de agradecer que unha xoia privada como é o belén da familia Crespo se expoña publicamente para que a veciñanza poida gozar dela”, manifesta a concelleira de Promoción  Económica Ana Belén Paz, ao tempo que felicita á Asociación Palmira Bulevar por acoller o belén e polo resto de iniciativas que “axudan a que o espírito de Nadal inunde as rúas do Milladoiro.

Tanto o belén da capela, como a exposición de beléns do mundo e photocall co camelo estarán a disposición da cidadanía até o 7 de xaneiro. Para visitar o belén hai que pedir cita previa. Pódese visitar de luns a venres polas mañás, e as fins de semana e os festivos entre as 17:00 e as 20:00 horas.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Os comerciantes de Ames amosan un Belén que ten figuriñas con máis dun século"

Nadal en Palmira Boulevard

Multimedia

  • Nadal en Palmira Boulevard
  • Nadal en Palmira Boulevard
  • Nadal en Palmira Boulevard
  • Nadal en Palmira Boulevard
  • Nadal en Palmira Boulevard