[16-03-2017] Paco Nogueiras representa este venres, 17 de marzo, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, o seu espectáculo Brinca Vai! 2.0. Esta actividade espertou un gran interese entre a veciñanza amesá e xa están vendidas o 90% das entradas dispoñibles. Só resta o 10% das entradas que se reservan para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo. Previamente a esta sesión, ás 12:30 horas, haberá unha función dedicada ao alumnado dos centros de ensino amesáns. Este espectáculo enmárcase dentro da programación cultura de primavera deste ano.
Brinca Vai! 2.0 é un espectáculo musical e audiovisual baseado no libro-CD/DVD Brinca Vai!, editado por Kalandraka Editora, no que se combinan cancións, imaxes, vídeos, animacións, retransmisións en directo e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos.
Nesta ocasión o músico e actor Paco Nogueiras e o artista audiovisual Xosé Miguel Sagüillo combinan a súa tecnoloxía, aparatos e instrumentos nunha divertida viaxe chea de humor, cores, imaxes, baile e cancións. As alegrías, as amizades, os libros, a poesía, a ecoloxía, as festas do ano (o Magosto, o Samain, o Entroido, o Nadal) e o respecto a lingua galega serán parte da equipaxe.
Unha fantástica oportunidade de regalar os ollos e as orellas, brincar e pasalo ben cos amigos e amigas nun particular camiño onde a música e a imaxe soan con forma de sorriso. Brinca Vai! 2.0 é nun espectáculo interactivo onde a música colle forma e a imaxe soa máis alegre.
Esta actividade espertou un gran interese entre a veciñanza amesá e xa están vendidas o 90% das entradas dispoñibles. Só resta o 10% das entradas que se reservan para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo. Esta actividade está dirixida ao público infantil e xuvenil. As entradas teñen un custo de 4 euros (con desconto do 50% para estudantes, menores de 12 e maiores de 65 anos).