Pestanas principais

Paco del Pino expón a súa obra no Pazo da Peregrina

Martes, 25 de xaneiro de 2011

[25-01-2011] O Pazo da Peregrina acolle desde o venres pasado e ata o día 28 unha exposición de fotografías de Paco del Pino. A mostra, que inclúe preto de 50 obras, ten o seu fío condutor na presenza da auga, buscando a sensualidade no encadre cun significado que vai máis alá da simple imaxe. A exposición está organizada pola Deputación da Coruña e recorrerá un total de dez concellos da provincia. A inauguración da mostra tivo lugar onte pola tarde ás 20:30 horas. A este acto asistiron o autor da mostra, o alcalde de Ames, Carlos Fernández, e varios concelleiros/as do goberno municipal. A exposición pode visitarse en horario de tarde, de 17:00 h. a 20:00 horas.

O fotógrafo Paco del Pino expón a súa obra ao longo dunha semana no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A mostra recolle arredor de 50 fotografías, 80 no catálogo, que teñen como fío condutor común a auga. Imaxes de pingas, de fontes, de ríos ou do mar cunha buscada sensualidade buscan turbar ao espectador e ofrecen sentido alén dunha simple primeira lectura. A auga e a pedra reflíctense no seu proxecto como un mundo natural, aínda manipulado polo ser humano, que se detén no tempo, mostrando una estética próxima á creación pictórica.

Del Pino, afincado en Roma, inclúe nesta exposición fotografías realizadas na propia Italia, incluíndo a capital do país e Venecia, pero tamén noutras partes do mundo como Galicia, xa que na mostra hai fotografías de A Coruña ou Betanzos. As fotografías que conforman a mostra foron realizadas ao longo de 20 anos, entre 1989 e 2009.

A exposición inaugurouse onte, ás 20:30 horas, se ben xa pode ser visitada desde o pasado venres. A mostra está organizada pola Deputación da Coruña e recorre de xeito itinerante dez concellos da provincia. Antes de vir a Ames estivo instalada en Arteixo, e cando deixe o noso concello terá como vindeiro destino Arzúa.