[01-06-2016] Pablo Trasno aterra este domingo en Ames, abrindo a veda da programación cultural de verán do programa Cultura no Camiño 2016. O Trasno actuará no seu escenario favorito: a rúa. Unha cita coa música, o teatro, os malabares e o circo -todo combinado na figura do artista- que comeza ás 13:00 horas na praza da rúa Costa Grande, diante da cervexaría Curmáns.
A Pablo Trasno gústalle a proximidade co público que ofrece a rúa, nas prazas o artista interactúa cos espectadores e espectadoras animándoos a ser parte do espectáculo. Ao ritmo de distintas músicas realiza xogos malabares, números cómicos e exercicios acrobáticos. Este artista ten levado os seus números a Cuba, Arxentina ou Palestina.
Esta é a primeira de varias actuacións que chegan a Ames da man do programa Cultura no Camiño, unha iniciativa que quere achegar a cultura a todos aqueles concellos atravesados por algún dos camiños históricos que teñen por destino Santiago de Compostela. Ademais de Pablo Trasno visitan Ames outros tres espectáculos de novo circo: “Entremans” o domingo 12 de xuño, “Vueltas de rosca”, o domingo 11 de setembro e “Manualidades” o domingo 18 de setembro. Todas elas ás 13:00 horas en distintas prazas do Milladoiro ou Bertamiráns.
O domingo 19 de xuño actuarán De Vacas na praza Manuel Murguía do Milladoiro, tamén ás 13:00 horas. O espectáculo teatral “Fillas Bravas” de Chévere usará a praza da Maía como escenario o 3 de xullo, tamén ás 13:00 horas. A única actuación que se desenvolverá en horario nocturno será a cargo de Sés. A músico e cantante actuará no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o venres, 8 de xullo, ás 22:00 horas. O Concello de Ames e maila Xunta de Galicia cofinancian as actividades culturais deste programa estival.
Contido relacionado

El Correo Gallego:"Galas musicales, teatro y malabares desde Ames con Cultura no Camiño"




