Pestanas principais

Pablo Díaz ofrece este venres en Bertamiráns un concerto para a xente "miúda" da casa

Mércores, 27 de abril de 2016

[27-04-2016] A Casa da Cultura de Bertamiráns propón este venres, 29 de abril, unha tarde de música pensada para as persoas máis pequerrechas da casa. O músico Pablo Díaz súbese ao auditorio ás 18:30 horas para cantar cos nenos e nenas sobre as pequenas cousas dos seus día a día. A entrada é gratuíta e pódese adquirir na Billeteira electrónica municipal ou na propia Casa da Cultura.

Os insectos, a crema de verduras, recoller os xoguetes ou felicitar o aniversario en galego. Son esas as pequenas cousas ás que canta Pablo Díaz no seu derradeiro traballo "Xente miúda, moita fartura". Un álbum que ofrece ás nenas e aos nenos melodías protagonizadas por eles e elas, e ás familias e educadores ferramentas para acompañar con música as actividades diarias dos pequenos e pequenas. Para este concerto Díaz estará acompañado pola pianista Carmen Rey e o guitarrista Tito Calviño. Este espectáculo forma parte do programa de dinamización lingüística FalaRedes da Xunta de Galicia.

Aínda que o concerto é gratuíto é necesario descargar as invitacións antes do comezo do espectáculo. Estas están dispoñibles na Billeteira electrónica municipal e na Casa da Cultura de Bertamiráns. Só se poderán retirar 4 entradas por persoa. O Concello de Ames informa de que actualmente só quedan 32 entradas en platea e unicamente unha no patio de butacas.