Pestanas principais

Pablo Díaz e a banda do Tic Tac representan na Casa da Cultura do Milladoiro o espectáculo "Tic Tac, o reloxo vai soar"

Xoves, 26 de decembro de 2013

[26-12-2013] Este venres 27 de decembro, ás 18:00 horas, o cantante e multiinstrumentista Pablo Díaz acompañado da banda do Tic Tac representan o espectáculo "Tic Tac, o reloxo vai soar" na Casa da Cultura do Milladoiro. As cancións que interpretarán forman parte de "Tic-tac", un libro-disco publicado por Kalandraka no que as cancións de Pablo Díaz reflíctense nas orixinais ilustracións do deseñador suízo, fincado en Bueu, Marc Taeger. As dezaseis cancións do libro, que é o primeiro traballo en solitario de Pablo, tratan temas moi próximos aos nenos como a natureza, o mar, os animais ou o fogar. A maioría delas son composicións propias do autor, outras son temas tradicionais aos que puxo música e outras dúas son adaptacións de contos de Kalandraka.

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 27 de decembro, un concerto de Pablo Díaz e a banda do Tic Tac. O concerto Tic-Tac, o reloxo vai soar, que está baseado nas composicións do libro-disco homónimo, é sen dúbida un dos espectáculos máis exitosos do panorama da música infantil galega nos últimos anos.

Trátase dun espectáculo que está dirixido ao público familiar. Este espectáculo ten sobradamente demostrada a súa capacidade para interesar ao máis amplo abano de idades: a iso contribúe o eclecticismo rítmico e estilístico da proposta, que deambula con total liberdade e comodidade entre o rock and roll e as melodías tradicionais máis alegres. Para esta ocasión agárdase que a banda xunte ao seu repertorio habitual algunhas cancións novas do disco que están a preparar.

As cancións que interpretarán forman parte de "Tic-tac", un libro-disco publicado por Kalandraka no que as cancións de Pablo Díaz reflíctense nas orixinais ilustracións do deseñador suízo, fincado en Bueu, Marc Taeger. As dezaseis cancións do libro, que é o primeiro traballo en solitario de Pablo, tratan temas moi próximos aos nenos como a natureza, o mar, os animais ou o fogar. A maioría delas son composicións propias do autor, outras son temas tradicionais aos que puxo música e outras dúas son adaptacións de contos de Kalandraka.

Este espectáculo está espertando unha gran expectación entre a veciñanza amiense. As entradas que se ofreceron na opción de reserva xa están esgotadas. Estas entradas terán que ser recollidas o día da función entre as 17:00 h e as 17:30 horas. As entradas que non se recollan nese horario serán vendidas a partir das 17:30 horas. Ademais, reservouse un reducido número de entradas para vender na billeteira. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa. As entradas para asistir á función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos.