Pestanas principais

Óscar Alonso Gato foi o gañador absoluto da XVI Travesía a nado Praia Fluvial de Tapia

Luns, 01 de agosto de 2011

[01-08-2011] A praia fluvial de Tapia foi o escenario dunha nova edición da Travesía a nado, que nesta ocasión tivo como gañador absoluto a Óscar Alonso Gato. Un ano máis, esta actividade organizada pola Concellaría de Deportes ofreceu un día de entretemento para toda a familia. Tanto afeccionados/as á natación como a nadadores/as federados/as , puideron demostrar as súas dotes como deportistas nesta proba que este ano acadaba a súa décimo sexta edición. O bo tempo acompañou a todos/as os/as participantes nesta actividade, consolidada grazas aos participantes que ano a ano se mergullan nestas augas.

O campión deste ano é unha promesa da natación a nivel nacional, Óscar Álonso, de 16 anos, participou no campionato nacional de inverno en Sabadell onde quedou campión en 400, bronce en 300 estilos e bronce tamén en 200 libre, dentro da súa categoría. Óscar chegaba onte mesmo de Trabzon (Turquía) onde se celebrou o Festival Olímpico da Xuventude Europea (FOJE). Foi o único galego entre os 68 deportistas cos que participou a delegación española que participou na disciplina de natación.

Xunto co gañador da XV Travesía a nado, impuxéronse nas distintas categorías os nadadores/as: Alejandro Passaretti, Natalia Lago Castillo, María Alonso Gato, Virginia Pérez García, José Luís Fernández Fernández e Iria Seoane Viaño.


Os nadadores participantes foron distribuídos en categorías en función do sexo e do seu ano de nacemento. Realizáronse percorridos de 200 metros para as categorías benxamín e alevín, de 350 metros para infantís e júnior, e de 1.050 metros para a categoría absoluta e de veteranos.

A saída e a chegada do percorrido tivo lugar nas escaleiras do embarcadoiro da praia e antes da carreira entregáronselle os gorros numerados aos participantes. O circuíto da travesía ten unha lonxitude aproximada de 350 metros de lonxitude e está perfectamente sinalizado. Dependendo da categoría, os nadadores deberon dar unha, dúas ou tres voltas. Os benxamíns e alevíns deberon percorrer 200 metros, os infantís e júnior 350 metros e os participantes de categoría absoluta e de veteranos chegaron a nadar os 1.050 metros. A proba contou en todo momento coa presenza dos servizos de asistencia de primeiros auxilios necesarios.

Cada categoría tivo premio para os tres primeiros clasificados. O concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, a concelleira de Xuventude, María González e a concelleira de Medioambiente, Eugenia Martín Vicente, foron os encargados da entrega de premios que consistiu nun trofeo en recoñecemento por ser os mellores da súa categoría.

A praia fluvial de Tapia volveu ser o escenario escollido pola Concellaría de Deportes para ofrecer un día cheo de deporte, vitalidade e entretemento para toda a familia. Trátase da mellor opción para desenvolver esta actividade xa que as instalacións desta área recreativa fan que todos os eventos se desenvolvan cunha gran comodidade tanto para os participantes como para os afeccionados que se achegan a observar a competición.