Pestanas principais

Os veciños/as da aldea de Ferreiros, en Agrón, decidirán se queren converterse en “Aldea Modelo”

Xoves, 30 de setembro de 2021

O alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens, acompañaron ao subdirector de Mobilidade de Terras, Alejandro Sánchez de Dios no local social de Agrón, onde se lle presentou á veciñanza o proxecto “Aldea Modelo”. A visita tiña como obxectivo informar sobre este modelo de recuperación e posta en valor de terras antigas e abandonadas e recadar as primeiras impresións sobre a proposta. Para que Ferreiros se converta en “Aldea Modelo” os veciños/as deben alugar as súas fincas ao banco de terras. É necesario que, como mínimo, os propietarios do 70% da superficie que forma parte do proxecto estean de acordo. Acordourse coa veciñanza darse un prazo até mediados de outubro para decidir se acepta a proposta.

Previr os incendios e mellorar a actividade económica son dúas das vantaxes de convertese en Aldea modelo. O proxecto promovido pola Xunta de Galicia e posto en marcha coa colaboración da Federación Galega de Municipios e a empresa pública Seaga, naceu co obxectivo de recuperar e mobilizar antigas terras de labor para poñelas en valor e protexer aos núcleos de poboación dos incendios. A creación de actividade agrogandeira é un dos valores engadidos do programa, posto que o terreo ocupado polos cortalumes pode empregarse para cultivos de horta ou cereal, pastos, froiteiras, oliveiras ou árbores autóctonas.

Hai un ano que o concello de Ames, interesado na recuperación do solo agrario abandonado, tomou contacto con este programas de Aldeas Modelo da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). A partir de aí estudáronse aldeas de diferentes parroquias que puidesen adaptarse aos requisitos que esixe o programa. Das aldeas estudadas polo concello, finalmente foi seleccionada a aldea de Ferreiros en Agrón xa que reunía as mellores características para o desenvolvemento deste proxecto sostible de recuperación agrogandeira.

O alcalde de Ames, Blas García indica que esta iniciativa vai a contribuír a dinamización do noso rural así como protexer os núcleos dos posibles incendios forestais, sendo dúas liñas de acción polas que se aposta activamente en Ames.
Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens, manifesta que “Dende o primeiro momento a actuación do concello de Ames foi proactiva, colaborando en todo momento co proceso e liderando a dinamización veciñal e a captación de posibles interesados na explotación dos terreos”.

Para que unha aldea se converta en “Aldea Modelo” as terras perimetrais deben estar nunha meirande parte en estado de abandono, ao mesmo tempo que deben ter unha boa capacidade produtiva. Os veciños que cedan a súas fincas ao banco de terras, pagaríaselles un alugueiro. As terras serían explotadas por un ou por varios particulares que presentasen un proxecto sostible agrogandeiro que deberá ser aprobado pola Xunta.

O proxecto de Aldeas Modelo implica a non intervención no interior do Núcleo das aldeas, se ben mantén que se establecerán colaboracións con outras concellerías para a recuperación arquitectónica, urbanística, patrimonial e paisaxística. O modelo contempla asemade a organización dunha “Rede de Aldeas Modelo” para xerar xinerxías e compartir coñecementos e mesmo crear unha marca que garanta as producións.

Novas relacionadas

Revista AmesGO: "Agrón terá a última palabra sobre se quere ser ‘Aldea Modelo’"

Lindeiros: "Na procura da aldea modelo"

La Voz de Galicia: "Los vecinos de Ames conocen de cerca el proyecto de aldea modelo"

El Correo Gallego: "Ferreiros busca ser aldea modelo contra el fuego y por el desarrollo"

reunión en Agrón