[01-01-2014] Segundo os datos facilitados polo Centro de Transfusión de Galicia durante o 2013 en Ames rexistráronse un total de 1.451 doazóns de sangue, o que supón un incremento na participación con respecto ao ano 2012 no que se contabilizaron 1.391 doazóns. En 2013 xa se rexistraron 60 doazóns máis, sen contabilizar as doazóns que se producisen esta semana na localidade de Bertamiráns. A unidade móbil de doazón estivo o luns 30 e o martes 31en Bertamiráns. Previamente, a semana pasada a unidade móbil estivo os días 23 e 24 no Milladoiro.
O Concello de Ames e o Centro de Transfusión de Galicia realizan todos os meses varias campañas de doazón de sangue nas localidades amienses. Normalmente, a unidade móbil de doazón de sangue visita cada mes o Concello de Ames co obxectivo de intentar facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadáns amienses. As localidades que acollen a unidade móbil de doazón soen ser O Milladoiro e Bertamiráns, así como a parroquia de Biduído.
Segundo se desprende dos datos facilitados polo Centro de Transfusión de Galicia durante o ano 2013 en Ames xa se rexistraron 1.451 doazóns de sangue. Pero quedan por contabilizar as doazón que se produciron o luns 30 e o martes 31 en Bertamiráns, xa que a unidade móbil de doazón visitou esta localidade amiense antes de finalizar o ano. Aínda que se trata de datos provisionais, en 2013 xa se produciron 60 doazóns máis que en 2012.
Deste xeito, o Concello de Ames segue sendo un dos municipios galegos máis solidarios á hora de doar sangue. Cómpre lembrar que no ano 2012 realizáronse 1.391 doazóns, cunha taxa de doazón de 47 doazóns por cada 1.000 habitantes. Estes datos sitúan ao Concello de Ames no posto número 10 a nivel galego, detrás das 7 principais cidades galegas e dos concellos de Vilagarcía e Ribeira.
Dende o ano 2003 o número de doazóns foi medrando de xeito considerable. Deste xeito, pasouse das 348 doazóns do ano 2003 ás 1.451 que se levan contabilizadas durante o 2013. Tendo en conta os datos entre os anos 2003 e 2012 experimentouse un incremento do 262%. O número de doazóns detallado por anos foi 348 doazóns en 2003; 448 en 2004; 509 en 2005; 520 en 2006; 442 en 2007; 893 en 2008; 897 en 2009; 1.019 en 2010; 1.261 en 2011; e 1.391 en 2012.
Campaña de doazón durante o mes de decembro
Neste mes de decembro continuaron as visitas da unidade móbil de doazón ao termo municipal de Ames. A localidade de Bertamiráns recibiu a unidade móbil de doazón esta semana. Estivo na avenida da Maía (diante da Praza) o luns 30 e o martes 31. Previamente, a semana pasada a unidade móbil estivo os días 23 e 24 no Milladoiro.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Los vecinos de Ames realizaron cerca de 1.500 donaciones de sangre en el 2013"
El Correo Gallego: "Medran as doazóns de sangue entre os amienses, con case 1.500 no 2013"
El Correo Gallego: "Os veciños e veciñas de Ames realizaron preto de 1.500 doazóns ao longo de 2013"




