Pestanas principais

Os veciños e veciñas de Ames poderán gozar dunha ampla programación teatral durante o primeiro semestre do ano 2012

Mércores, 18 de xaneiro de 2012

[18-01-2012] A Concellaría de Cultura xa ten pechada a programación teatral do primeiro semestre deste ano. A veciñanza amiense poderá gozar de 14 representacións teatrais durante os meses de xaneiro, febreiro, marzo, abril, maio e xuño. Esta programación está repartida entre Bertamiráns e O Milladoiro. Ademais está pensada tanto para o público infantil como adulto. Deste xeito, nove representacións teatrais estarán dirixidas ao público infantil e cinco para o público adulto. Esta programación está incluída dentro das obras de teatro que ofrece a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Ao mesmo tempo o Concello de Ames forma parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o que permite traer a Ames obras de teatro de gran calidade e sona.

O Concello de Ames ofrece a toda a veciñanza amiense unha ampla programación cultural para todos os públicos. Todas as fins de semana organízanse numerosas actividades nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. A estas actividades tamén se suman en moitas ocasións varias exposicións de pintura ou outro tipo de artes que normalmente se poden visitar no Pazo da Peregrina. Co obxectivo de ampliar esta programación o Concello de Ames forma parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Deste xeito, a Concellaría de Cultura xa ten pechada a programación de teatro para o primeiro semestre deste ano. Durante os meses de xaneiro, febreiro, marzo, abril, maio e xuño a veciñanza amiense poderá gozar de catorce representacións repartidas entre a Casa da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns. Esta programación está pensada tanto para o público infantil como para as persoas adultas.

Programación teatral para o primeiro trimestre de 2012

A programación de teatro comezou o pasado 13 de xaneiro coa representación da obra Cociña Económica, de Mofa e Befa. Nesta peza de teatro recréase un estudio de televisión onde se está gravando un programa de cociña. Reprodúcese o esquema que se segue en tantos programas nos que un cociñeiro de gran prestixio presenta á audiencia (que seguindo o ronsel destes programas suponse maioritariamente feminino) unha receita de execución simple e custo reducido. Neste programa Cociña Económica realízanse pratos de cociña internacional utilizando, exclusivamente, desfeitos sacados de colectores, pois o lema do programa é: Todo se come. Nada se Tira. Esta obra foi representada na Casa da Cultura de Bertamiráns e estivo dirixida ao público adulto.

A programación teatral continua coa obra infantil Dous pallasos en apuros a cargo da compañía Os 7 magníficos +1. Fran Rei e Pedro Brandariz, presentan un espectáculo que rende homenaxe ás farsas clásicas dos pallasos, pero adaptándoas á Galicia do século XXI. Dende a compañía Os 7 magníficos+1, Rei e Brandariz propuxéronse dignificar o traballo dos pallasos e recuperar o espírito que tiñan estes maestros do humor nos anos 40, cando decidiron deixar os circos para ocupar os teatros. Esta obra representarase o venres 27 de xaneiro, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

Para 10 de febreiro queda a obra Moito Conto da compañía Redrum Producións. Dirixida ao público familiar, a comedia musical Moito Conto está protagonizada por Mónica García, Guillermo Carbajo e Tamara Canosa, e baséase no conto Hansel e Gretel. Desta peza teatral faranse dúas representacións no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Pola mañá, ás 11:00 horas, haberá unha sesión escolar, mentres que pola tarde, ás 18:30 horas, realizarase un segundo pase para o público infantil en xeral.

A programación teatral de febreiro complétase o venres 24, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro coa representación da peza teatral Citizen Completo, da compañía Chévere. Citizen fala da construción dun imperio económico desde a periferia. Fala de como utilizar o que nos ofrece a historia en beneficio propio, de como se constrúe a realidade coma se tratásese dun culebrón. É a biografía inventada dun personaxe real, Amancio Ortega, que se converte en escusa para falar, ironizar e cuestionar os efectos da globalización en relación coas nosas identidades colectivas e individuais. Esta obra está dirixida ao público adulto.

O mes de marzo comeza coa representación obra infantil Os limóns da compañía Galitoon. A peza, que se representará o venres 2 na Casa da Cultura do Milladoiro, é unha homenaxe á figura e a obra do artista galego Luís Seoane no centenario do seu nacemento. A historia está orientada a un público infantil, e relata a historia de dona Alicia, que colleu tres limóns e os coidou, limpou e mimou coma se fosen uns recén nacidos. Tempo despois, as froitas partiron para América co obxectivo de atopar a don Luís e traelo de volta á súa amada Galicia. A obra servirá para introducir aos cativos de entre catro e seis anos de idade no complexo mundo artístico e vital de Luís Seoane. Desta peza teatral tamén se farán dúas representacións. Pola mañá, ás 11:00 horas, haberá unha sesión escolar, mentres que pola tarde, ás 18:30 horas, realizarase un segundo pase para o público infantil en xeral.

O 23 de marzo, ás 21:00 horas, chega á Casa da Cultura de Bertamiráns a obra Último Comboy da compañía Teatro do Noroeste. Esta comedia aceda sobre a nosa realidade máis complexa e inmediata, segundo o seu autor e director, Eduardo Alonso, é a produción máis recente da compañía fundada por Alonso e por Luma Gómez. Un traballo que defenden no escenario, en todo un espectáculo actoral, a propia Luma e Miguel Pernas. Esta obra dirixida ao público adulto.

Programación teatral para o segundo trimestre de 2012

Para o segundo trimestre de 2012 quedan seis representacións teatrais. A compañía Galitoon representará o venres 13 de abril na Casa da Cultura de Bertamiráns a obra Rosalía, a pulga que escribía. A partir das 18:30 horas os máis pequenos de Ames poderán gozar con Rosalía, unha pulga que prepara unha festa sorpresa para un dos seus mellores amigos: Bruno, o canguro carteiro. A forma na que se vai ir organizando a festa e a sorpresa que levará Bruno farán as delicias dos rapaces e rapazas que asistan á representación.

A programación teatral continua o 27 de abril, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro coa representación da peza teatral O turista madrileño, da compañía Producións Teatrais Excéntricas, que está dirixida ao público adulto. Trátase dunha montaxe da compañía Producións Teatrais Excéntricas protagonizada polo actor Evaristo Calvo. O turista madrileño é un dos personaxes televisivos da serie Air Galicia, programa de humor emitido durante varias temporadas na Televisión de Galicia e gañador do Premio Mestre Mateo á mellor serie do audiovisual galego no ano 2008. Co seu polo rosa, riñonera e gorra de España, este personaxe amosa a súa particular visión do pobo galego.

Para o mes de maio están programadas outras dúas representacións teatrais. O 11 de maio o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a peza de teatro infantil Ao ritmo da maxia, da compañía Fusionarte. Mentres que para o 25 de maio queda a obra Oeste solitario da compañía Producións Teatrais Excéntricas, que tamén se representa na Casa da Cultura de Bertamiráns.

A programación teatral rematará o 1 de xuño coa posta en escena da peza Moito conto da compañía Redrum Producións. Esta obra será representa na Casa da Cultura do Milladoiro en dous pases diferentes. Primeiro farase unha sesión escolar e posteriormente terá lugar outra representación para o público infantil en xeral.