Pestanas principais

Os veciños do rural pagarán pola recollida do lixo 37,9 euros anuais, liquidados en importes trimestrais de 9,48 euros, tal e como se comprometera o Goberno de Ames cos veciños

Venres, 26 de outubro de 2012

[26-10-2012] O Pleno ordinario do mes de outubro do Concello de Ames deu luz verde onte á aprobación inicial da modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana. Nesta modificación, aprobada cos votos a favor do grupo popular e as abstencións do resto de grupos, inclúese a rebaixa do 50% da taxa da recollida do lixo no rural a partir de xaneiro de 2013. O importe da taxa do lixo no rural, onde a recollida ten lugar en días alternos, queda fixada no caso das vivendas en 37,9 euros anuais, liquidados en importes trimestrais de 9,48 euros, a metade da tarifa xeral. Cúmprese así o compromiso do Goberno amiense cos veciños e veciñas do rural.

Durante a súa intervención no Pleno, o alcalde de Ames, Santiago Amor, subliñou que, deste xeito, o Concello “fixa no rural a tarifa máis baixa de todos os municipios da comarca”. Así, lembrou que concellos como Rois, Negreira e Santiago nin sequera fan diferenciación entre a zona urbana e a rural, mentres que outros contan cunha taxa superior á amiense (Brión, 81 euros; Teo, 47 euros, ou Padrón, 43,17 euros). O rexedor recalcou que con esta rebaixa da taxa “os que gañan son os veciños”, que pagarán pola recollida do lixo 37,9 euros anuais, liquidados en importes trimestrais de 9,48 euros.

Coa modificación desta taxa, cúmprese o compromiso expresado no seu día polo Goberno amiense cos afectados e afectadas polo cobro retroactivo da taxa do lixo no rural, aos que se lles propuxo baixar as taxas de recollida do lixo no rural a partir de xaneiro de 2013, co fin de minorar o pago dos atrasos. Deste xeito, con esta decisión poderíanse paliar as consecuencias dun proceso legal iniciado polo anterior Executivo amiense en 2010 e que por imperativo legal tivo que ser continuado. Sobre este punto, o concelleiro de Servizos, Ramón Argibay, destacou que desde a primeiras reunións cos veciños e veciños se propuxo esta cuestión. “A nosa intención foi sempre que si era algo factible, se rebaixaría a taxa, como así se fixo”, engadiu.

Competencias en materia tributaria
A sesión plenaria celebrada onte tamén aprobou a delegación de competencias en materia tributaria e en materia de sancións por infracción de tráfico á Deputación da Coruña. Estes puntos aprobáronse cos votos a favor dos concelleiros do grupo popular, a abstención dos concelleiros non adscritos e os votos en contra do grupo socialista. Pese á súa abstención, o grupo dos non adscritos amosouse favorable a levar a cabo a xestión de servizos públicos a través de medios públicos. O alcalde de Ames lembrou que este ano remata o contrato coa empresa concesionaria e que se levou a cabo unha análise do que suporía a cesión desas competencias á Deputación. Santiago Amor destacou que este cambio de modelo suporá para o Concello un aforro de aproximadamente 240.000 euros. O alcalde fixo fincapé en que, actualmente, o organismo provincial xestiona a recadación de 83 de 94 concellos da provincia da Coruña.

Entre as vantaxes desta delegación de competencias, o rexedor fixo fincapé nos anticipos a conta que realiza todos os meses a Deputación. Ademais, o organismo provincial expresou o seu compromiso de manter a oficina de atención ao público de Bertamiráns e dun punto de información ao contribuínte no Milladoiro. Deste xeito, seguirase ofrecendo un servizo próximo e eficiente aos cidadáns amienses. Ademais, os veciños e veciñas disporán dunha liña telefónica 900 gratuíta para a realización de consultas e dunha oficina virtual. O aforro tamén se rexistrará na aplicación informática gratuíta que se empregará para a xestión da recadación. Dadas estas vantaxes económicas e de xestión, o alcalde de Ames considerou que a delegación de competencias en materia tributaria á Deputación “é a mellor opción na actual situación económica”.

Actualización de taxas
O Pleno celebrado onte tamén acolleu o debate e deliberación sobre a actualización de ordenanzas fiscais reguladoras dos impostos, taxas e prezos públicos de cara a entrada en vigor no vindeiro exercicio fiscal. As modificacións, que foron aprobadas cos votos a favor dos concelleiros do grupo popular e en contra dos concelleiros socialistas e non adscritos, consistiron na actualización dos prezos segundo o IPC interanual e na incorporación de melloras técnicas nas ordenanzas. O grupo socialista emitiu un voto particular ao respecto da non actualización dos prezos.

O alcalde de Ames subliñou que coa actualización destas taxas séguese o principio e eficiencia financeira e dáse cumprimento ao establecido no Plan de Axuste aprobado no mes de marzo. Ademais, conséguese que os prezos dos servizos non queden desfasados ao actualizarse ano a ano. No pleno, decidiuse deixar sobre a mesa, a petición do grupo dos non adscritos, a modificación da ordenanza reguladora da taxa pola prestación de servizos complementarios que contemplaba a inclusión do servizo de psicomotricidade educativa.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Os veciños do rural pagarán pola recollida do lixo 37,9 euros anuais"
La Voz de Galicia: "La Diputación asumirá desde el 2013 la gestión tributaria amiense"