[08-03-2011] Un ano máis os veciños e veciñas de Ames botáronse ás rúas para celebrar as festas do Entroido como manda a tradición e gozar das charangas, dos produtos típicos destas datas -orellas, filloas doces e filloas con chourizo, produtos todos eles propios da nosa gastronomía- e do elemento central das festas: os disfraces. Centos de rapaces e rapazas desfilaron detrás das charangas coas súas orixinais roupaxes e maquillaxes varias, gozando por un día do pracer de esconderse detrás dunha careta, reconverténdose na súa personaxe favorita. Os 300 membros da comparsa da Biblioteca Municipal animaron as festas cos seus disfraces e o seu bo humor, puxeron música nas prazas de Chavián e Manuel Murguía e animaron aos máis pequenos a divertirse e gozar do Entroido.
A troula comezou o venres a partir das 20:30 horas cun concerto organizado pola Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) na Casa da Cultura de Bertamiráns que tivo unha moi boa acollida entre o público, xa que a sala estaba chea e os espectadores, moi animados, acabaron participando sobre o escenario na interpretación dalgunhas pezas musicais cos rapaces e rapazas alumnos da EMMA.
O alumnado da escola municipal de música, dividido en diferentes grupos, interpretaron un total de 18 pezas e demostraron as súas dotes á hora de tocar diversos instrumentos -piano, violín, frauta, percusión, saxofón, etc- así como á hora de cantar. Á festa uníronse tamén os alumnos de Linguaxe Musical de Bertamiráns e do Milladoiro e os alumnos/as do grupo Música e Movemento, que interpretaron parte das 18 pezas mencionadas. Todos eles, dende os máis pequenos e pequenas ata os máis mozos, ataviados con diferentes disfraces, subíronse ao escenario para facer as delicias dun público que gozou de máis dunha hora de música e acabou cantando a coro e sobre o escenario coas alumnas de canto que, para rematar o acto, interpretaron o famoso tema "Carnaval, carnaval".
Xa durante a tarde do sábado, a festa trasladouse ás prazas de Chavián en Bertamiráns e de Manuel Murguía no Milladoiro. O ano pasado por estas datas o frío dominaba con bafaradas xeadas o concello, pero nesta ocasión, o sol saíu sobre Ames e con elo, a xente animouse moito máis a saír das súas casas e lanzarse á rúa cos seus disfraces.
Tanto no Milladoiro como en Bertamiráns cumpriuse o previsto. En Bertamiráns, a partires das cinco da tarde a charanga saíu da Praza do Concello cara a praza de Chavián seguida polos rapaces e rapazas desta localidade que quixeron acompañar aos músicos no percorrido gozando da música e do feito de desfilar polas rúas da localidade cos seus mellores disfraces. Chegados á Praza de Chavián, as carpas alí situadas acolleron os diversos actos de animación infantil destinados a alegrarlle o día aos máis pequenos. No Milladoiro a praza na que se celebraron as diversas actividades organizadas polo concello foi a de Manuel Murguía, onde se concentraron todos os veciños da zona don ganas de pasalo ben.
Os pais/nais xunto aos seus cativos encheron as prazas e participaron nas diversas actividades, desfilando, cantando, participando nos sorteos das cestas infantís -ateigadas de larpeiradas- e das cestas para adultos que incluían unha botella de viño, unha botella de caña, chourizos e mel.
A comparsa organizada pola Biblioteca Municipal estivo composta por preto de 300 persoas (sobre 170 en Bertamiráns e arredor de 90 no Milladoiro). Esta comparsa levou a voz cantante en canto a pór o ton de color e ledicia necesaria para pasalo ben. A temática escollida nesta ocasión para realizar os disfraces foi a primavera, polo que os seus membros portaban disfraces de diversos insectos, plantas e flores, dándolle un gran colorido e aportando "elementos naturais" á troula.
E, como non podía ser doutra maneira, a partir das seis da tarde comezou a venda dos produtos típicos do entroido nas casetas correspondentes, nas que os veciños e veciñas puideron mercar, por tan só dous euros, unha bebida, unha orella, unha filloa doce e unha filloa con chourizo. A boa acollida dos veciños, a súa numerosa presenza debido ao bo tempo e ás ganas de festa e o gusto polos produtos tradicionais fixo que as existencias de esgotasen en moi pouco tempo.
Deste xeito, as rúas do concello enchéronse de música, baile, disfraces, boas larpeiradas e moita ledicia polo Entroido, triunfando un ano máis por estas datas a felicidade e o sentido do humor en todo o seu esplendor.