[12-06-2017] Por segundo ano consecutivo, os rapaces e rapazas que son usuarios/as da Rede Municipal de Comedores Escolares elixiron o churrasco con patacas fritas e o xeado de xeo como menú de fin de curso. O departamento de Educación do Concello de Ames dálles a posibilidade a todos os nenos e nenas que comen na rede de comedores de que elixan o menú de fin de curso, unha comida que este ano se celebrará o 22 de xuño. Estes peculiares comicios leváronse a cabo nos comedores do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro.
Xa se coñece o resultado das eleccións que se celebraron o pasado venres, 9 de xuño, co fin de elixir os pratos que conformarán o menú do día 22 de xuño da Rede Municipal de Comedores Escolares. Este é a duodécima vez que se celebran eleccións nos comedores escolares para escoller os pratos cos que se quere despedir o ano académico. As eleccións desenvolvéronse durante o horario no que se emprega o servizo de comedores no CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro. Co cento por cento dos votos escrutados, o churrasco con patacas fritas e o xeado de xeo (polo de limón ou laranxa) proclamáronse como os gañadores. Votaron arredor de 1.000 nenos e nenas.
O reconto total de votos quedou do seguinte xeito: churrasco con patacas fritas, 369 votos; pizza de xamón e queixo, 236 votos; albóndegas con arroz e salsa de tomate, 160 votos; espaguetes á boloñesa con queixo, 107 votos; peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate, 84 votos; e pescada rebozada con pasta tricolor, 17 votos. Na sobremesa, o polo de xeado impúxose con 466 votos ao xeado de corte de tres sabores, que obtivo 217 votos. Os amorodos con nata acadaron 113 votos; o iogur de chocolate 97 votos, e o flan con nata, 64.
Dende o 2011 o churrasco con patacas fritas gañou en cinco ocasións e a pizza de xamón e queixo dúas veces. En 2011, 2012 e 2013 gañou o churrasco, mentres que en 2014 e 2015 impúxose a pizza. O ano pasado e este ano volveu a gañar o churrasco como o prato favorito dos nenos e nenas da Rede municipal de comedores escolares. Este ano o churrasco con patacas frita e o xeado de xeo (polo de limón ou laranxa) gañou en todos os comedores.
Os nenos e nenas tiveron que escoller un prato e unha sobremesa. No caso do prato había seis posibilidades: churrasco con patacas fritas, pizza de xamón e queixo, peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate, albóndegas con arroz e salsa de tomate, espaguetes á boloñesa con queixo e pescada rebozada con pasta tricolor. A listaxe de opcións de sobremesa contiña cinco opcións que eran o polo de xeado, xeado de corte de tres sabores, amorodos con nata, iogur de chocolate e flan con nata.
A nutricionista elixe un prato
O Concello fai valer a súa representatividade para elixir outro prato que complete o menú, de maneira que dúas comidas son decisión dos cativos e outra vén definida pola dirección da Rede municipal de comedores escolares. Deste xeito, o primeiro prato que se servirá será unha ensalada con aguacate e sésamo. Aínda que o curso remata o día 23 de xuño este menú servirase o día 22 porque o último día a gran maioría do alumnado xa come na súa casa.
Outro obxectivo que se busca con estas eleccións é que o alumnado aprenda os valores dunha educación en democracia e a respectar o que elixe a maioría. Ademais esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias dos máis cativos a hora de xantar. Para realizar estas curiosas eleccións empregáronse as urnas que se empregan nos comicios municipais, autonómicos e estatais.




