[07-06-2013] Por terceiro ano consecutivo, os rapaces e rapazas que son usuarios/as da Rede Municipal de Comedores Escolares elixiron o churrasco con patacas fritas e o xeado de xeo como menú de fin de curso. O departamento de Educación do Concello de Ames dálles a posibilidade a todos os nenos e nenas que comen na rede de comedores de que elixan o menú de fin de curso, unha comida que este ano se celebrará o 20 de xuño. Estes peculiares comicios leváronse a cabo nos comedores do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro.
Xa se coñece o resultado das eleccións que se celebraron onte co fin de elixir os pratos que conformarán o menú do día 20 de xuño da Rede Municipal de Comedores Escolares. Este é o oitavo ano no que se celebran eleccións nos comedores escolares para escoller os pratos cos que se quere despedir o ano académico.
As eleccións desenvolvéronse durante o horario no que se emprega o servizo de comedores no CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro. Co cento por cento dos votos escrutados, o churrasco con patacas fritas e o xeado de xeo (polo de limón ou laranxa) proclamáronse como os gañadores.
O reconto total de votos quedou do seguinte xeito: churrasco con patacas fritas, 307 votos; pizza de xamón e queixo, 233 votos; peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate, 78 votos; polo asado con patacas fritas, 39 votos; pescada rebozada con pasta tricolor, 20 votos; e garavanzos á boloñesa, 10 votos. Na sobremesa, o polo de xeado impúxose con 282 votos ao xeado de corte de tres sabores, que obtivo 182 votos. O biscoito acadou 87 votos; as cereixas, 63, e os amorodos con iogur, 62.
En todos os comedores gañou o churrasco con patacas fritas agás na EEI Milladoiro. Neste centro os nenos/as votaron maioritariamente pola pizza de xamón e queixo, que obtivo 63 votos fronte aos 52 do churrasco. O xeado de xeo (polo de limón ou laranxa) foi a opción máis votada na Maía, Ventín e Agro do Muíño. Por outra banda, en Barouta e na EEI do Milladoiro os nenos/as votaron maioritariamente ao xeado de nata, vainilla e chocolate, seguido de preto polo xeado de limón ou laranxa.
Os nenos e nenas tiveron que escoller un prato e unha sobremesa. No caso do prato había seis posibilidades: churrasco con patacas fritas, pizza de xamón e queixo, peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate, polo asado con patacas fritas, pescada rebozada con pasta tricolor e garavanzos á boloñesa. A listaxe de opcións de sobremesa contiña cinco opcións que eran cereixas, xeado de corte de tres sabores, polo de laranxa ou limón, biscoito e amorodos con iogur.
A nutricionista elixe un prato
O Concello fai valer a súa representatividade para elixir outro prato que complete o menú, de maneira que dúas comidas son decisión dos cativos e outra vén definida pola dirección da Rede Municipal de Comedores Escolares. Aínda que o curso remata o día 21 de xuño este menú servirase o día 20 porque o último día a gran maioría do alumnado xa come na súa casa.
Outro obxectivo que se busca con estas eleccións é que o alumnado aprenda os valores dunha educación en democracia e a respectar o que elixe a maioría. Ademais esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias dos máis cativos a hora de xantar. Para realizar estas curiosas eleccións empregáronse as urnas que se empregan nos comicios municipais, autonómicos e estatais.





