[10-06-2014] Despois de tres anos consecutivos gañando o churrasco, os usuarios/as da Rede Municipal de Comedores Escolares elixiron a pizza de xamón e queixo e o xeado de xeo, para o menú de fin de curso. O departamento de Educación do Concello de Ames dálles a posibilidade a todos os nenos e nenas que comen na rede de comedores de que elixan o menú de fin de curso, unha comida que este ano se celebrará o 19 de xuño. Estes peculiares comicios leváronse a cabo nos comedores do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro.
Xa se coñece o resultado das eleccións que se celebraron co fin de elixir os pratos que conformarán o menú do día 19 de xuño da Rede Municipal de Comedores Escolares. Este é o noveno ano no que se celebran eleccións nos comedores escolares para escoller os pratos cos que se quere despedir o ano académico.
As eleccións desenvolvéronse durante o horario no que se emprega o servizo de comedores no CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro. Co cento por cento dos votos escrutados, a pizza de xamón e queixo e o xeado de xeo (polo de laranxa ou limón) proclamáronse como os gañadores.
O reconto total de votos quedou do seguinte xeito: pizza de xamón e queixo, 270 votos; churrasco con patacas fritas, 245 votos; albóndegas con arroz e salsa de tomate, 163 votos; peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate, 79 votos; polo asado con patacas fritas, 45 votos; e pescada rebozada con pasta tricolor, 18 votos. Na sobremesa, o polo de xeado impúxose con 332 votos ao xeado de corte de tres sabores, que obtivo 222 votos. Os amorodos con nata acadaron 99 votos; o iogur de chocolate 98 e o biscoito tivo 70 votos.
Este ano a elección do prato principal que se servirá no menú de fin de curso estivo moi igualada. A pizza de xamón e queixo gañou nos comedores do CEI A Maía, do CEIP Agro do Muíño e e da EEI Milladoiro, mentres que o churrasco con patacas fritas gañou nos comedores do CEIP de Barouta e do CEP de Ventín. O xeado de xeo (polo de limón ou laranxa) foi a opción máis votada na Maía, Ventín, Agro do Muíño e na EEI Milladoiro. Por outra banda, en Barouta os nenos/as votaron maioritariamente ao xeado de nata, vainilla e chocolate, seguido de preto polo xeado de limón ou laranxa.
Os nenos e nenas tiveron que escoller un prato e unha sobremesa. No caso do prato había seis posibilidades: pizza de xamón e queixo, churrasco con patacas fritas, albóndegas con arroz e salsa de tomate, peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate, polo asado con patacas fritas, e pescada rebozada con pasta tricolor. A listaxe de opcións de sobremesa contiña cinco opcións que eran xeado de corte de tres sabores, polo de laranxa ou limón, biscoito, amorodos con nata e iogur de chocolate.
A nutricionista elixe un prato
O Concello fai valer a súa representatividade para elixir outro prato que complete o menú, de maneira que dúas comidas son decisión dos nenos/as e outra vén definida pola dirección da Rede Municipal de Comedores Escolares. Aínda que o curso remata o día 20 de xuño este menú servirase o día 19 porque o último día a gran maioría do alumnado xa come na súa casa.
Outro obxectivo que se busca con estas eleccións é que o alumnado aprenda os valores dunha educación en democracia e a respectar o que elixe a maioría. Ademais esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias dos máis cativos a hora de xantar. Para realizar estas curiosas eleccións empregáronse as urnas que se empregan nos comicios municipais, autonómicos e estatais.





