Pestanas principais

Os usuarios da Rede Municipal de Comedores Escolares elixiron comer pizza de xamón e queixo o día de fin de curso

Xoves, 04 de xuño de 2015

[04-06-2015] Os rapaces e rapazas que son usuarios da Rede Municipal de Comedores Escolares volveron a elixir por segundo ano consecutivo a pizza de xamón e queixo e o xeado de xeo, para o menú de fin de curso. O departamento de Educación do Concello de Ames dálles a posibilidade a todos os nenos e nenas que comen na rede de comedores de que elixan o menú de fin de curso, unha comida que este ano se celebrará o xoves 18 de xuño. Estes peculiares comicios leváronse a cabo nos comedores do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro.

Xa se coñece o resultado das eleccións que se celebraron co fin de elixir os pratos que conformarán o menú do día 18 de xuño da Rede Municipal de Comedores Escolares. Este é o décimo ano no que se celebran eleccións nos comedores escolares para escoller os pratos cos que se quere despedir o ano académico.

As eleccións desenvolvéronse durante o horario no que se emprega o servizo de comedores no CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro. Co cento por cento dos votos escrutados, a pizza de xamón e queixo e o xeado de xeo (polo de amorodo) proclamáronse como os gañadores.

O reconto total de votos quedou do seguinte xeito: pizza de xamón e queixo, 254 votos; churrasco con patacas fritas, 220 votos; albóndegas con arroz e salsa de tomate, 190 votos; espaguete á boloñesa con queixo, 109 votos, peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate, 89 votos; e pescada rebozada con pasta tricolor, 21 votos. Na sobremesa, o polo de xeado impúxose con 339 votos ao xeado de corte de tres sabores, que obtivo 279 votos. O iogur de chocolate acadou 115 votos, os amorodos con nata conseguiron 99 votos; e o flan con nata tivo 48 votos.

Un ano máis a elección do prato principal que se servirá no menú de fin de curso estivo moi igualada. A pizza de xamón e queixo gañou nos comedores da EEI Milladoiro e do CEP de Ventín, mentres que o churrasco con patacas fritas gañou nos comedores do CEIP de Barouta e do CEIP Agro do Muíño. No comedor do CEIP da Maía gañaron as albóndegas con arroz e salsa de tomate. O xeado de xeo (polo de amorodo) foi a opción máis votada na Maía, Agro do Muíño e Ventín. Por outra banda, en Barouta e na EEI Milladoiro os nenos/as votaron maioritariamente ao xeado de nata, vainilla e chocolate.

A nutricionista elixe un prato
O Concello fai valer a súa representatividade para elixir outro prato que complete o menú, de maneira que dúas comidas son decisión dos nenos/as e outra vén definida pola dirección da Rede Municipal de Comedores Escolares. Aínda que o curso remata o día 19 de xuño este menú servirase o día 18 porque o último día a gran maioría do alumnado xa come na súa casa.

Outro obxectivo que se busca con estas eleccións é que o alumnado aprenda os valores dunha educación en democracia e a respectar o que elixe a maioría. Ademais esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias dos máis cativos a hora de xantar.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Pizza para el último menú escolar"