Pestanas principais

Os usuarios da biblioteca municipal de Bertamiráns decidirán o deseño da nova sala de estudo

Luns, 01 de febreiro de 2016

[01-02-2016] O goberno municipal dotará a biblioteca municipal de Bertamiráns dunha nova sala de estudo, anexa ao espazo infantil e de préstamo bibliotecario. Con este obxectivo, o departamento de Cultura comezou a traballar nun proxecto para o que solicita a participación dos propios usuarios no deseño e configuración dun novo espazo e do seu mobiliario. Estará situada, ao igual que a biblioteca, no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns e implicará a fusión das actuais aulas 1 e 2 nunha única sala. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o plano coas diferentes opcións existentes e o cuestionario. Dende o luns, 1 de febreiro até o 15 de febreiro, estará dispoñible na biblioteca de Bertamiráns un plano e un cuestionario proposto polo departamento de Cultura, coa finalidade de que os usuarios/as escollan entre as tres opcións de organización das novas mesas, cadeiras e conexións eléctricas. Tamén estarán dispoñibles na web do Concello de Ames. As propostas pódense enviar a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal