[14-05-2011] A casa da cultura do Milladoiro acollerá o primeiro curso de R.C.P e primeiros auxilios organizado pola empresa VV Xestión de Actividades, patrocinado polo Concello de Ames e impartido por SaDeGa S.L, o curso levarase a cabo o sábado 14. Aos participantes entregaráselle un dosier e manuais de primeiros auxilios. O obxetivo primordial é a formación dos técnicos deportivos para a prevención de riscos ante calquer lesión dun deportista.
Este sábado, 14 de maio, terá lugar o primeiro curso de formación de reanimación cardio pulmonar básica (R.C.P.) e primeiros auxilios que se celebra no Concello de Ames. A Casa da cultura do Milladoiro será o recinto escollido para acoller esta xornada, orientado fundamentalmente a persoas relacionadas co deporte para a prevención de riscos nos deportistas.
A empresa encargada de xestionar as actividades deportivas do municipio, VV Xestión de Actividades S.L. coa colaboración e o patrocinio do Concello de Ames, foi neste caso a encargada de organizar este curso, cuxo obxectivo basease en preparar os adestradores a administrar primeiros auxilios de xeito correcto ante calquera lesión dun deportista. As clases serán impartidas pola empresa especialista en saúde e deporte, SaDeGa S.L que achegará persoal especializado e o material necesario. Trátase dun ciclo teórico-práctico , gratuíto no que o número de prazas é limitado. Un total de 40 persoas representativas das asociacións deportivas do Concello e do deporte en xeral serán os participantes na xornada do sábado. Según o xerente de VV Xestión de Actividades, Juanma Vegas, "houbo máis peticións para asistir polo que intentamos seleccionar de xeito equitativo a representantes dos diferentes sectores deportivos do Concello".
O curso durará oito horas. O horario será das 10.00 horas ás 14.00 horas da mañaná e continuará pola tarde, dende as 16.00 horas ata as 21.00 horas. Aos participantes entregaráselles un dosier do curso ademáis de manuais de primeiros auxilios para a formación. Ofrecerá unha charla para os asistentes Jose Luis Seodane, médico e profesor da escola deportiva de Pontevedra e tamén contarán con dous socorristas, ademáis de todo o material necesario como é o desfibrilador, monecas de prácticas, entre outros.
O programa conta cos seguintes contidos fundamentais de aprendizaxe: soporte vital básico (Reanimación cardiopulmonar básica e demostración do funcionamento do Desfibrilador Externo), valoración primaria e secundaria, osixenoterapia, traslado de accidentados, colocación de colar ortopédico, inmobilizacións taboleiro espiñal e levaranse a práctica de urxencias básicas (picaduras, feridas, hemorraxias, etc.).
Según a propia organización do curso, con estas clases pretenden levar a todo este colectivo de adestradores/as, monitores/as, delegados/as, directivos/as de equipos e grupos deportivos do Concello de Ames á formación necesaria para evitar riscos e así garantir a seguridade de todos eses grupos,e tamén para que poidan protexerse ante denuncias inxustificadas.