[15-07-2014] O alcalde de Ames, Santiago Amor, estivo esta mañá cos taxistas do Milladoiro para intercambiar impresións sobre a posta en marcha do servizo de taxímetro nos vehículos que ofrecen este servizo. Previamente, reuniuse cos taxistas de Bertamiráns, para abordar este mesmo tema. Os taxistas de Ames comezaron a empregar o taxímetro onte, 14 de xullo. A utilización do taxímetro é obrigatorio despois de que este luns, 14 de xullo, entrase en vigor a nova lei do taxi de Galicia. Dende este momento haberá un período de transición sobre as tarifas que se están aplicando e as que se aplicarán no momento que se aprobe a ordenanza municipal que regulará este servizo.
Despois de que este luns, 14 de xullo, entrase en vigor a Lei do taxi de Galicia, o colectivo de taxistas de Ames comezaron a empregar o taxímetro, tal e como marca a devandita lei. Para regular as tarifas do ano 2014 e o cobro mediante taxímetro o Concello de Ames está elaborando unha nova ordenanza que será levada ao Pleno nos vindeiros meses para, se procede, ser aprobada pola corporación municipal amiense. Dende este momento ábrese un prazo de transición sobre as tarifas que se están aplicando e as que se aplicarán no momento que se aprobe a ordenanza municipal que regulará este servizo.
Cómpre lembrar que no pasado mes de marzo a nova directiva da asociación de taxistas de Ames, que está formada por Agustín Núñez, que ocupa o cargo de presidente, Andrés Núñez, vicepresidente, Gustavo Castro, secretario, e Santiago Núñez, tesoureiro, presentoulle ao goberno municipal un estudo das tarifas a aplicar durante este ano polo servizo de taxis de Ames. Un dos temas máis importantes que se abordaron nesa xuntanza celebrada no mes de marzo foi a utilización dos taxímetros e as tarifas a aplicar.
A partir dese momento o Concello de Ames, a través da concellaría de Promoción Económica, comezou a traballar na elaboración dunha ordenanza que regulará o servizo de taxis amiense, adaptada ao que establece a Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, aprobada en 2013 polo Parlamento de Galicia. Na nova ordenanza regúlanse as tarifas para o ano 2014 e a colocación de taxímetros en todos os vehículos que ofrezan este servizo, así como outras particularidades do servizo.
A proposta desta ordenanza transmitíuselle e foi posta en común coa asociación de taxistas de Ames. Ademais, dentro do proceso de tramitación da devandita ordenanza, déuselle trámite de audiencia enviándolle unha proposta á Dirección Xeral de Mobilidade, ás tres organizacións sindicais máis representativas dentro do sector do taxi de Ames e á Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). Na fase de exposición pública interpuxéronse varias alegacións a esta ordenanza que están sendo tramitadas. Despois de varios meses de tramitación o goberno municipal agarda levar esta ordenanza a Pleno o antes posible para que poida ser aprobada, se procede, pola corporación municipal.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Los quince taxis de Ames estrenan taxímetros con unas tarifas de transición"




