Pestanas principais

Os servizo de comedores escolares de Ames comeza o ano cun novo vehículo para o transporte de alimentos elaborados, máis amplo e mellor acondicionado

Luns, 09 de xaneiro de 2012

[09-01-2012] O servizo de comedores escolares de Ames ten á súa disposición un novo vehículo para o transporte de alimentos elaborados. Trátase dunha furgoneta máis ampla que cobre as novas necesidades que mudaron ao mesmo tempo que aumentaron os usuarios dos comedores escolares e o número de centros que ofertan comedor. O servizo de comedores amiense estrea coche para o transporte dos alimentos elaborados que se preparan nas cociñas dos centros de Agro do Muíño e a Escola Infantil do Milladoiro e se reparten ao CEIP Ventín, ao CEIP a Maía e a Barouta.

Ata o de agora o transporte de alimentos cubríase cunha pequena furgoneta marca Citroen C15 que se empregaba para este servizo dende o 2005, aínda que era un vehículo de propiedade municipal dende antes. Aquel vehículo, que estaba correctamente acondicionado, quedou pequeno ante o aumento dos usuarios dos comedores, que pasaron de 300 no curso 2005-2006 a máis de 1.100 na actualidade. O feito de que o novo goberno popular de Ames dotase ao colexio de Barouta de servizos complementarios aumentou tamén a necesidade de ter un vehículo máis grande para a tarefa diaria de reparto de alimentos.

A nova furgoneta é máis ampla que a anterior e foi acondicionada para o servizo que vai cumprir. Trátase dunha Renault Trafic que foi cedida ao Concello de Ames pola Deputación da Coruña. A cargo do Concello correu o acondicionamento que consistiu na adaptación da furgoneta para que cumpra os requisitos sanitarios para o transporte de alimentos envasados. Entre as actuacións que se levaron a cabo está o acabado das superficies lisas e non porosas, fáciles de limpar e desinfectar, o tintado de portas traseiras e ventás laterais e o acabado hermético das mesmas así como disposición de anclaxes en paredes e chan para que os contedores non se movan e non haxa vertidos.

En Ames hai cinco comedores escolares dos que dous están dotados de cociña. Dende a cociña do CEIP Agro do Muíño repártense os pratos do día ao CEIP Ventín. En Agro do Muíño elabóranse tamén arredor de 100 menús adaptados por necesidades específicas de tipo nutricional coma os menús especiais para nenos e nenas con alerxias ou intolerancias. A outra cociña da rede de comedores escolares amiense é a da Escola Infantil de Milladoiro que prepara a comida tamén para o CEIP Barouta e para o CEIP A Maía.

A tarefa diaria do vehículo é o transporte de comida entre os centros. Ás 12.00 h recolle a comida en Agro do Muíño e vai ata Ventín onde descarga. A continuación diríxese á EEI Milladoiro para cargar de novo comida e levala ao centro da Maía e a Barouta. O circuíto que leva a cabo este vehículo está coordinado de tal xeito que se axusta ó horario dos centros. Despois de comer, a partir das 15.30 o coche recolle os contedores de novo para levalos de volta ás cociñas. A condutora habitual da furgoneta chámase Begoña e a parte de facer o reparto é a encargada de facer recados no supermercado durante as primeiras horas da mañá e da desinfección diaria do vehículo.