Pestanas principais

Os rexedores de Ames e Negreira reúnense cos veciños de A Ponte Maceira

Martes, 07 de abril de 2015

[07-04-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, acompañado dos edís Alfredo Taboada, Ana Ruso e Ramón Senra, reuníronse a pasada semana coa asociación de veciños de A Ponte Maceira. O encontro, ao que tamén acudiu o rexedor de Negreira, Juan Rey, serviu para intercambiar propostas co colectivo veciñal de cara a acometer o acondicionamento desta zona.

Os Concellos de Ames e Negreira, que sufragarán de maneira conxunta estas actuacións, xa solicitaron os permisos a Augas de Galicia e Patrimonio para a limpeza do viaduto e tamén se revisarán as sendas e os sumidoiros. O primeiro paso foi a reposición das luces da ponte e proximamente están previstas a construción de beirarrúas e o control das zonas de estacionamento de cara a mellorar a seguridade viaria neste punto. No mes de maio levaranse a cabo os labores de limpeza das marxes do río e da ponte.