Pestanas principais

Os Retranqueiros de Ames celebran o seu I aniversario no Milladoiro con música e baile

Mércores, 13 de xaneiro de 2016

[13-01-2016] A Asociación Cultural Retranqueiros cumpre o seu primeiro aniversario e, para festexalo, convidan á veciñanda a un polavila que terá lugar o vindeiro sábado 16 de xaneiro. En fronte ao Centro Sociocultural do Milladoiro, nun aparcadoiro, a asociación instalará coa axuda do Concello de Ames unha carpa para refuxiarse do posible mal tempo.

Once grupos distintos, tanto amesáns como dos municipios da contorna, animáronse a participar na celebración. As agrupacións Os Micos, Acibeche, EMBT Brión, Gharghapreta, Colexiata do Sar, a Requinta da Maía, Xirandaina, Cántigas e Agarimos, OCT Ultreia, Rosalía de Castro de Padrón e Raíños compartirán escenario para facer bailar aos asistentes.

As actuacións das agrupacións comezarán a partir das 19:00 e continuarán até a media noite, momento no cal arrincará a foliada aberta a todos os musicos da zona que queiran participar. Haberá ademais unha cantina vendendo bebidas e petiscos.

A Asociación Cultural Retranqueiros bailaba por primeira vez o día 17 de abril de 2015 como agrupación profesional. Dende aquela actuación levan percorridos escearios de distintas partes de Galicia, tanto na casa- no municipio de Ames- como en festivais e foliadas da Estrada, Baio, Muxía ou Santiago de Compostela. Para difundir o baile a a música do país comezaron ademais a impartir cursos no Centro Sociocultural do Milladoiro. Adultos, pequenos e non tan pequenos aprenden os días venres ou sábado a tocar a gaita, cantar, baile galego ou a tocar distintos tipos de percusión.