Pestanas principais

Os Reis Magos recibiron preto de 1200 nenos e nenas durante as recepcións da Gran Festa de Reis

Venres, 05 de xaneiro de 2024

O Concello de Ames xa está preparado para recibir esta tarde aos Reis Magos de Oriente na Gran Festa de Reis. Así, Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán coas súas carrozas as rúas do Milladoiro e de Bertamiráns desde as 17:00 horas e as 19:00 horas respectivamente. A comitiva real estará formada por varias carrozas, entre as que estarán as tres dos Reis Magos, e preto de 100 nenos e nenas que repartirán caramelos entre a veciñanza. A festa culminará nos pavillóns municipais, onde pequenos e maiores van despedir aos Magos de Oriente cunha merenda e unha actuación musical. Os Magos participarán nas cabalgatas logo de percorrer, esta mesma mañá, as once parroquias de Ames escoitando os desexos da cativada e enchendo o concello de maxia e ilusión. A isto hai que sumar as recepcións nos pavillóns. Ao longo do mércores e do xoves Melchor, Gaspar e Baltasar recibiron a visita de máis de 500 familias.

Os Reis Magos recibiron a preto de 1200 nenos e nenas de Ames nas recepcións celebradas nos pavillóns municipais ao longo do mércores 3 de xaneiro e do xoves 4 de xaneiro. Melchor, Gaspar e Baltasar estiveron tanto no pavillón do Milladoiro coma no de Bertamiráns recollendo as cartas e os desexos da cativada amesá dende as 11:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas. As súas Maxestades ofrecéronlle aos pequenos e pequenas unha bandexa para que poidan deixarlles na casa lambetadas e bebidas aos Reis, para que repoñan forzas mentres reparten os agasallos. Ademais, ao longo das dúas xornadas trasladáronlle aos Magos os seus desexos e peticións e, sobre todo, a ilusión coa que esperan o momento de erguerse e descubrir os agasallos debaixo da árbore. Pola súa banda; Melchor, Gaspar e Baltasar aproveitaron para trasladarlle aos pequenos e pequenas o seu agradecemento e tamén as súas preferencias para o petisco que lle deixen esta noite para repoñer forzas despois de tanto traballo.

Ao longo desta mañá Melchor, Gaspar e Baltasar percorreron todos os recunchos do concello. Visitaron os locais sociais das once parroquias de Ames para que tanto os cativos e cativas dos núcleos urbanos como os do rural puideran velos. Desta maneira, os Magos de Oriente comezaron o seu percorrido para recoller os desexos de pequenos e maiores na Ameixenda e Cruxeiras ás 10:00 horas. A continuación, ás 10:30 horas, visitaron o local social de Aguapesada para seguir espallando a súa maxia e ilusión. Melchor, Gaspar e Baltasar seguiron o seu percorrido ás 11:00 horas en Piñeiro e Covas. Media hora máis tarde, ás 11:30 horas visitaron Tapia e Ortoño onde os paxes aínda recolleron cartas de última hora. Ás 12:00 horas foi a quenda dos nenos e das nenas da parroquia de Lens. Seguidamente, ás 12:30, tocoulles pasar por Agrón e Bugallido onde as súas Maxestades escoitaron as peticións da cativada e mesmo unha panxoliña. Xa ás 13:00 horas, Melchor, Gaspar e Baltasar achegáronse á parroquia de Transmonte para rematar o seu percorrido ás 13:30 horas en Biduído.

A Gran Festa de Reis culminará con dúas cabalgatas
Para finalizar a Gran Festa de Reis, esta tarde celebraranse dúas cabalgatas, nas que participarán preto de cen nenos/as e mozos/as, divididos en distintas carrozas, que repartirán caramelos a toda a veciñanza.

A primeira das cabalgatas terá lugar no Milladoiro, de 17:00 a 18:00 horas. A comitiva real sairá da rúa Agriños, proseguirá pola Travesía do Porto – Rúa Pardiñeiros – Agro do Medio - Rúa de Abaixo – Rúa Raxoeira – Rúa Anxeriz – Rúa Cruxa – Agro do Medio - Rúa Cereixeiros – Travesía do Porto. Ao rematar, as súas Maxestades desprazaranse ata o pavillón municipal da localidade, onde se despedirán e darán paso á actuación da artista María Fumaça. Ademais, os asistentes poderán desfrutar de rosca con chocolate e de iogures doados por CLUN.

Os Reis desprazaranse tamén ata Bertamiráns, onde a cabalgata se celebrará de 19:00 a 20:00 horas. As carrozas sairán da estrada de Lapido, á altura do 108; a continuación proseguirán por Avenida da Maía – Travesía do Pedregal – Rúa Pedregal – Avenida da Maía – Avenida da Peregrina ata rematar no pavillón. Igualmente, haberá un fin de festa no pavillón municipal, e tamén se poderá desfrutar da rosca con chocolate e dos iogures de CLUN. Así mesmo, haberá unha actuación da man de Pesdelán.
Para evitar retencións desaconséllase a circulación de vehículos durante as cabalgatas polas rúas e nas horas anteriormente indicadas tanto no Milladoiro coma en Bertamiráns. O percorrido das cabalgatas pode consultarse nesta ligazón.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Los Reyes Magos recorren Barbanza en carrozas, autobuses, trenes, tractores y coches descapotables. Así serán las cabalgatas"

El Correo Gallego: "Reyes sin miedo a la navegación o la nieve fueron vitoreados en toda la comarca"

Os Reis Magos recibiron preto de 1200 nenos e nenas durante as recepcións da Gran Festa de Reis

Multimedia

  • Os Reis Magos recibiron preto de 1200 nenos e nenas durante as recepcións da Gran Festa de Reis
  • Os Reis Magos recibiron preto de 1200 nenos e nenas durante as recepcións da Gran Festa de Reis
  • Os Reis Magos recibiron preto de 1200 nenos e nenas durante as recepcións da Gran Festa de Reis
  • Os Reis Magos recibiron preto de 1200 nenos e nenas durante as recepcións da Gran Festa de Reis
  • Os Reis Magos recibiron preto de 1200 nenos e nenas durante as recepcións da Gran Festa de Reis
  • Os Reis Magos recibiron preto de 1200 nenos e nenas durante as recepcións da Gran Festa de Reis
  • Os Reis Magos recibiron preto de 1200 nenos e nenas durante as recepcións da Gran Festa de Reis
  • Os Reis Magos recibiron preto de 1200 nenos e nenas durante as recepcións da Gran Festa de Reis
  • Os Reis Magos recibiron preto de 1200 nenos e nenas durante as recepcións da Gran Festa de Reis