Pestanas principais

Os Reis Magos reciben en Ames a máis de 2.500 persoas

Xoves, 07 de xaneiro de 2021

Catro días estiveron este ano en Ames os Reis Magos. As súas Maxestades alongaron a estadía no concello desde o 2 até o día 5 de xaneiro para atender á rapazada nos Pavillóns Municipais. O día 5 estableceuse un sistema de cita previa e os Reis recibiron a maior afluencia de visitas tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. Todos e todas tiveron a oportunidade de falar con cada un dos Magos e levaron como agasallo un álbum dedicado. O alcalde, José Miñones, acompañado de varios membros do goberno e do concelleiro de Ames Novo, tamén acudiu e entregou un agasallo a cada un dos Reis. A recepción deste ano destacou polas medidas de seguridade e a organización. Ademais, todos os rapaces e as rapazas dos núcleos do rural tiveron a oportunidade de entregarlle directamente as súas cartas aos paxes reais que, acompañados dos membros de Protección Civil, percorreron as parroquias os días 2, 3 e 4 de xaneiro. Pódense ver todas as imaxes da galería premedo neste enlace.

Este ano non houbo apertas, nin bicos como vén sendo costume desde que os Magos de Oriente reciben á rapazada nas vésperas do seu día. Emporiso, con máscaras, hidroxel e distancia de seguridade, a recepción que os Reis ofreceron en Ames á rapazada amesá non estivo exenta de emocións. Nesta ocasión, e logo de entrar por un glamuroso corredor de luces, todos e todas tiveron a oportunidade de falar un pouquiño con cada un dos Magos. Ademais, todos os nenos e as nenas recibiron de agasallo o “Ábum de lembranzas dos Reis Magos”, un caderno no que os pequenos e as pequenas amesás poderán gardar as fotos e escribir as impresións da festa dos Reis deste singular ano.

Tamén os Reis levarán para Oriente un agasallo de Ames porque o alcalde, José Miñones, entregou a cada un dos monarcas un libro que gaba as excelencias do Concello. Fíxoo o venres á tardiña cando, acompañado da meirande parte dos membros do equipo de goberno e do concelleiro de Ames Novo, visitou os pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro onde as súas Maxestades, a través de quendas previamente establecidas, recibían aos rapaces e ás rapazas. Foi ese día, tal e como se prevía, o día que máis visitas recibiron os Magos. Por iso, e para evitar aglomeracións, establecerase de antemán para esa xornada un sistema de cita previa.

Os paxes dos Magos estiveron nas parroquias

Tamén en previsión de que moitos nenos e nenas dos que viven nos núcleos rurais non puidesen achegarse até as vilas de Bertamiráns e do Milladoiro, decidiuse que os paxes visitaran persoalmente as nove parroquias amesás para que a rapazada tivese a oportunidade de entregar directamente as cartas a estes emisarios reais. Recolleron as cartas durante tres días, desde o 2 ao 4 de xaneiro, e contaron coa inestimable axuda dos membros de Protección Civil de Ames para guialos polos territorios amesás.

En total foron máis de 2.500 persoas ás que asistiron á recepción Real e os catro días que Melchor, Gaspar e Baltasar estiveron en Ames sáldanse cunha afluencia record de visitas unhas valoracións altamente positivas tal e como se pode apreciar polos comentarios nas redes sociais. A recepción destacou polas medidas de seguridade e a boa organización.

No dispositivo dos 4 días participaron 7 traballadoras/es municipais, xunto con Protección civil. Ademais estiveron implicadas as concellarías de Promoción Económica, Cultura, Transición Ecolóxica, Mocidade, Normalización, Deportes e Voluntariado.

O Alcalde, José Miñones, sinala que "nun ano tan complicado coma este non queríamos deixar sen a ilusión de ver aos Reis aos máis pequenos e vendo a resposta masiva da veciñanza nos alegramos de ter organizado con tempo todo o dispositivo".

Visita dos Reis Magos.

Multimedia

  • Visita dos Reis Magos.
  • Visita dos Reis Magos.
  • Visita dos Reis Magos.
  • Visita dos Reis Magos.
  • Visita dos Reis Magos.
  • Visita dos Reis Magos.
  • Visita dos Reis Magos.