Pestanas principais

Os Reis Magos percorrerán en carroza as rúas de Bertamiráns e do Milladoiro

Luns, 04 de xaneiro de 2016

[04-01-2016] A falta dun día para que os Reis Magos visiten Ames xa se coñecen máis detalles da cabalgata real que pasará polo Milladoiro e por Bertamiráns. As súas Maxestades chegarán en carrozas a ambas as dúas localidades. Estarán no Milladoiro ás 17:00 para iniciar o seu percorrido polas rúas e facer a súa recepción ás 18:00 na Casa da Cultura. O percorrido por Bertamiráns comezará ás 19:00 e rematará ás 20:00 coa recepción na Casa do Concello. Haberá cortes de tráfico por motivo da cabalgata. Ademais, repartíranse 300 quilos de caramelos sen glute e as carrozas reais estarán acompañadas por un total de 20 figurantes.

A Cabalgata de Reis percorrerá as rúas do Milladoiro a partir das 17:00 horas, mentres que en Bertamiráns comezará a percorrer as rúas desta localidade dende as 19:00 horas. Hai que destacar que no Milladoiro e en Bertamiráns produciranse cortes de tráfico esporádicos nas rúas polas que pasa a comitiva real con motivo da visita dos Reis Magos.

Melchor, Gaspar e Baltasar volven un ano máis a Ames para agasallar con caramelos aos nenos e nenas do municipio. No Milladoiro a Cabalgata discorrerá pola Travesía do Porto, rúa de Palmeiras, Agro do Medio, rúa de Abaixo, Raxoeira, Anxeriz, Cruxa, Agro do Medio, Rosalía de Castro, Viorneira, Agro da Madalena e Cereixos, volvendo á Travesía do Porto para chegar arredor das 18:00 hora á Casa da Cultura do Milladoiro, onde os Reis Magos serán recibidos pola corporación municipal.

De seguido, a comitiva real trasladarase a Bertamiráns. Neste caso a partir das 19:00 horas a Cabalgata percorrerá a avenida da Maía, avenida da Peregrina, Rueiro, Arrucheiro, Pedregal, Poeta da Maía, volvendo de novo á avenida da Maía para pasar polas rúas Alcalde Lourenzo, Entrerríos e Ameneiral, e rematar na Casa do Concello. Neste lugar terá lugar, ás 20:00 horas, unha segunda recepción e a despedida dos Reis Magos, cuxo traballo comezará pola noite, cando visiten os fogares amesáns.

Xunto aos Reis Magos desfilarán 20 figurantes e haberá animación de rúa con música en directo. Este ano como novidade a recepción aos Reis Magos farase na Casa da Cultura do Milladoiro e na Casa do Concello, en Bertamiráns. Só en caso de alerta laranxa a Cabalgata e a animación de rúa trasladarase ao interior dos pavillóns polideportivos.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La magia de los Reyes contra los elementos"