Pestanas principais

Os Reis Magos de Oriente poñen en marcha o VII Concurso de Cartas de Nadal en Ames coa colaboración do Concello

Venres, 06 de decembro de 2013

[06-12-2013] Os Reis Magos acaban de poñerse en contacto co Concello de Ames para convocar a sétima edición do Concurso de Cartas de Nadal. Os nenos e nenas que queiran participar neste concurso deberán depositar as súas cartas ata o 16 de decembro nas caixas de correo real situadas nos colexios, nas bibliotecas municipais, nas casas da cultura e na Casa do Concello. Para participar neste concurso establecéronse tres categorías; educación infantil, primeiro ciclo de primaria (1º e 2º de primaria); e segundo ciclo de primaria (3º e 4º de primaria). O xurado valorará a creatividade, tanto do texto coma da decoración, e a adecuación ao tema proposto. Os premios entregaranos os propios Reis Magos, o día 5 de xaneiro, na cabalgata real.

Estase achegando o Nadal e os Reis Magos de Oriente xa andan ultimando os preparativos para facer realidade os soños das persoas de todos os recantos do mundo que confían neles. Un ano máis, as súas maxestades animan a todos os nenos e nenas de Ames a que participen no Concurso de Cartas de Nadal. No comunicado que a Casa Real de Oriente remitiu ao Concello de Ames, animan os nenos e nenas amesáns a participar e agradecen tamén a colaboración dos pais, nais, irmáns, avós, mestres... Para ilustrar o concurso de 2013, os Reis elixiron unha das cartas gañadoras da edición pasada, a de Brais Martínez Couto, alumno de primeiro ciclo de primaria do CEP de Ventín.

As cartas que os rapaces envíen para participar no concurso deben estar en galego. O xurado, nomeado polo Concello de Ames e polos Reis Magos de Oriente, valorará tanto o texto como a decoración da propia carta e a adecuación ao tema proposto. O concurso conta con tres categorías: educación infantil, primeiro ciclo de primaria (1º e 2º) e segundo ciclo de primaria (3º e 4º). En cada categoría estabeleceranse dous premios. Estes serán entregados polos Reis Magos en persoa na cabalgata do día 5 de xaneiro.

Os nenos/as teñen que responder unha adiviña
Os Reis Magos propóñenlles aos nenos e nenas que, ademais de dicirlles que presentes queren para o Nadal, respondan unha adiviña. Segundo indican os Reis Magos no seu comunicado oficial “hai un agasallo que vos vai durar para sempre, que vos fai especiais e diferentes, que volo regalaron as persoas máis próximas e que vós podedes compartir con toda a xente que vos rodea. Serve para xogar no recreo, no parque ou na casa, para cantar, para chorar, para soñar, para pensar, para contar, para sumar, para restar, para dicir as cousas máis bonitas do mundo e tamén as máis horribles, para saudar, para despedirse, para coñecer xente e para un número infinito de cousas máis. Sabedes xa cal é?”.

Ademais, as súas maxestades dánlle aos nenos/as unha serie de pistas. “Trátase de algo que se derrete na boca e non é xeado, e que estaría moi frío nestas datas do ano. É a música que todos levamos dentro, que nos arrola nas noites de inverno”, indican os magos no seu comunicado.

Os magos responderán por carta a todos os nenos e nenas participantes
É moi importante que nas cartas apareza moi claro o seu enderezo postal dos nenos e nenas xa que os magos vanlles enviar unha carta resposta a cada un dos e das participantes no concurso. Esa carta levará tamén un pequeno agasallo para todos os participantes. As cartas haberá que depositalas ata o 16 de decembro nas caixas de correo real situadas nas bibliotecas municipais, nas casas da cultura e na Casa do Concello.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Os Reis Magos poñen en marcha o VII Concurso de Cartas de Nadal en Ames"
La Voz de Galicia: "Los Reyes Magos convocan en Ames el concurso de cartas de Nadal"