[05-12-2012] Os Reis Magos de Oriente poñen en marcha o VI Concurso de Cartas de Nadal en Ames coa colaboración do Concello. Os nenos e nenas que queiran participar neste concurso deberán depositar as súas cartas ata o 18 de decembro nas caixas de correo real situadas nas bibliotecas municipais, nas casas da cultura e na Casa do Concello. Establécese tres categorías; educación infantil, primeiro ciclo de primaria (1º e 2º de primaria); e segundo ciclo de primaria (3º e 4º de primaria). O xurado valorará a creatividade, tanto do texto coma da decoración, e a adecuación ao tema proposto. Os premios entregaranos os propios Reis Magos, o día 5 de xaneiro, na cabalgata real.
Os Reis Magos, ante o éxito de anteriores certames, convocan o VI Concurso de Cartas de Nadal para os pequenos e pequenas de Ames. Para ilustrar o concurso de 2012, os Reis elixiron unha das cartas gañadoras da edición pasada, a de Sara Casuso Mosquera. As súas maxestades animan aos cativos e cativas a enviarlles as súas composicións en galego. No comunicado que a Casa Real de Oriente remitiu ao Concello de Ames, animan os nenos e nenas amesáns a participar e agradecen tamén a colaboración dos pais, nais, irmáns, avós, mestres...
As cartas que os rapaces envíen para participar no concurso deben estar en galego. O xurado, nomeado polo Concello de Ames e polos Reis Magos de Oriente, valorará tanto o texto como a decoración da propia carta e a adecuación ao tema proposto.
Os Reis Magos propóñenlles aos nenos e nenas que, ademais de dicirlles que presentes queren para o Nadal, lles conten cun debuxo e/ou palabras que persoa lles regalou o galego. Deste xeito, explican, as cartas converteranse nun agasallo e servirán de agradecemento para esas persoas (avós/as, pais e nais, amigos/as, mestras/es..).
Un pequeno agasallo coa resposta
É moi importante que nas cartas dos nenos apareza moi claro o seu enderezo postal xa que os magos vanlles enviar unha carta resposta a cada un dos nenos participantes no concurso. Esa carta levará tamén un pequeno agasallo para todos os participantes.
O concurso conta con tres categorías: educación infantil, primeiro ciclo de primaria (1º e 2º) e segundo ciclo de primaria (3º e 4º). En cada categoría estabeleceranse dous premios. Estes serán entregados polos Reis Magos en persoa na cabalgata do día 5 de xaneiro.





