Pestanas principais

Os Reis Magos chegarán O Milladoiro e a Bertamiráns en tren

Venres, 04 de xaneiro de 2013

[04-01-2013] A falta dun día para que os Reis Magos visiten Ames xa se coñecen máis detalles da cabalgata real que pasará polo Milladoiro e por Bertamiráns. As súas Maxestades chegarán en tren a ambas as dúas localidades. Estarán no Milladoiro ás 17:00 para iniciar o seu percorrido polas rúas e facer a súa recepción ás 17:30 no pavillón do Milladoiro. O percorrido por Bertamiráns comezará ás 18:00 e rematará ás 18:30 coa recepción no pavillón de Bertamiráns. Media hora antes de cada recepción abriranse os pavillóns e haberá animación infantil, con música e xogos. Haberá cortes de tráfico por motivo da cabalgata. Ademais, repartíranse 224 quilos de caramelos sen glute e as comparsas reais estarán compostas por un total de 22 paxes.

Os Reis Magos chegarán mañá a Ames acompañados dunha comitiva real de 22 paxes para repartir ilusión e agasallos entre os máis cativos. A recepción real será nos pavillóns do Milladoiro e Bertamiráns e os Magos de Oriente estarán acompañados de paxes e comparsas que repartirán 224 quilos de caramelos sen glute aptos para os nenos e nenas que son celíacos. Antes da recepción as súas Maxestades percorrerán as rúas do Milladoiro e de Bertamiráns. A música correrá a cardo do grupo de gaitas Os Castros. Hai que destacar que no Milladoiro e en Bertamiráns produciranse cortes de tráfico esporádicos nas rúas polas que pasa a comitiva real con motivo da visita dos Reis Magos.

Ás 17:00 horas comezará a animación no pavillón polideportivo do Milladoiro. A esta mesma hora sairá un tren cos tres Reis Magos e os tres paxes reais que percorrerá as rúas desta localidade. Esta comitiva pasará pola Travesía do Porto e polas rúas Os Cereixos, Agro da Madalena, Agro do Medio, Raxoeira, Anxeriz, A Curuxa, Figueiras, O Rego, Costa Grande, Rosalía de Castro e Viorneira. O tren volverá pola rúa Os Cereixos ata chegar arredor das 17:30 horas ao pavillón polideportivo onde se realizará a recepción real. Xa no pavillón, o alcalde de Ames, Santiago Amor, dará a benvida ás súas Maxestades e o Rei Melchor agradecerá a hospitalidade dos amienses. Ademais, os Reis tamén entregarán os premios aos nenos e nenas que gañaron o Concurso de cartas aos Reis Magos.

Despois de pasar polo Milladoiro as súas Maxestades dirixiranse a Bertamiráns. O lugar de recepción será o pavillón polideportivo desta localidade onde comezará a animación a partir das 18:00 horas. Neste caso o tren cos Reis Magos e os tres paxes reais arrincará ás 18:00 horas e pasará pola rúa Alcalde Lorenzo, avenida da Maía, praza de Chavián e O Pedregal. Volverán pola avenida da Maía e pola avenida da Peregrina ata chegar ao pavillón municipal. Cando os Reis Magos cheguen ao pavillón de Bertamiráns serán recibidos polo alcalde de Ames, Santiago Amor, que tamén lles dará a benvida. O Rei Melchor tamén pronunciará unhas palabras de agradecemento ante a veciñanza amiense. Ao igual que no Milladoiro, as súas Maxestades entregarán os premio aos gañadores e gañadoras do VI Concurso de cartas aos Reis Magos.