Pestanas principais

Os rapaces e rapazas de Arcea Adames protagonizan a primeira Gala da Diversidade

Luns, 05 de decembro de 2022

A veciñanza de Ames encheu este pasado venres, 2 de decembro, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns para asistir á primeira Gala da da diversidade, organizada pola Concellaría de Benestar Social. Martín Barreiro e Mari Carmen Redondo, de Arcea Adames, foron os encargados de presentar e dirixir o evento. Os principais protagonistas da Gala foron os rapaces e rapazas de Arcea Adames que estrearon o espectáculo teatral, “Historias”, que conta con poemas de Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro e Federico García Lorca, e textos das persoas da asociación e unha performance que estivo guiada por Martha Franco. Ademais, a compañía Al Lío representou un espectáculo de danza clásica e Ricardo Pardo, da Asociación Potenciemos, interpretou o espectáculo de danza moderna “Radiant Killer Riddle”.

A primeira edición da Gala da diversidade foi un éxito, tanto de público, xa que o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns estivo cheo, como pola boa acollida que tiveron os espectáculos representados por Arcea Adames, a compañía Al Lío, e Ricardo Pardo, da asociación Potenciemos. Este evento realizouse con motivo do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional 2022, que se conmemorou o día 3 de decembro.

O evento estivo presentado e conducido por Martín Barreiro e Mari Carmen Redondo, de Arcea Adames. A Gala comezou coa compañía Al Lío, que representou un espectáculo de danza clásica. Posteriormente, os integrantes de Arcea Adames estrearon a súa propia función teatral, “Historias”, que conta con poemas de Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro e Federico García Lorca. Unha vez lidas as poesías os rapaces e rapazas de Arcea Adames contáronlle ao público o que transmiten ditos poemas. Ademais leron textos escritos polos propios integrantes da asociación e representaron unha performance guiada por Martha Franco.

Durante as últimas semanas os rapaces e rapazas de Arcea Adames estiveron participando nun obradoiro de teatro, que impartiu Fran Rei, cofundador da cooperativa musical e teatral CulturaActiva. Precisamente, Fran Rei foi o encargado de preparar e dirixir o espectáculo interpretado polo persoal de Arcea Adames nesta Gala e que espertou os aplausos e admiración de todo o publico asistente.

Ademais, interviu o persoal da compañía Al Lío, que representou un espectáculo de danza clásica; e Ricardo Pardo, da Asociación Potenciemos, pioneira na inclusión sociocultural das persoas con diversidade funcional, que representou o espectáculo de danza moderna “Radiant Killer Riddle”. O principal obxectivo de dito acto foi visibilizar ao colectivo das persoas con diversidade funcional, ademais de favorecer a inclusión artística dos integrantes da asociación.

Asistiron varios membros do Goberno municipal; o alcalde, Blas García, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, e concelleiros e concelleiras da Corporación municipal.

O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “a primeira edición da Gala da diversidade serviu para que un grupo de persoas nos mostrasen as súas habilidades e capacidades. Demostraron que todas e todos somos iguais, que o importante é o esforzo, a vontade e o sacrificio, e sobre todo querer. Grazas a todas e todos polas vosas actuacións, pero especialmente aos nosos veciños de Arcea Adames, e aos grandes presentadores: Mari Carmen e Martín, pero tamén á compañía Al lío e a Ricardo Pardo”.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, mostrouse moi satisfeita polo éxito que tivo esta primeira Gala da diversidade. “Non teño palabras para describir todo o que sentín na Gala da diversidade. Sempre é un gusto compartir experiencias coa familia de Arcea Adames, sentir o seu cariño, o seu agarimo, o seu entusiasmo en todo o que fan, pero o vivido na Gala foi algo realmente excepcional, máxico. Velos enchendo o escenario acompañados da compañía Al Lío e de Ricardo Pardo foi unha experiencia realmente emotiva e marabillosa. Grazas a todas e todos: Martín, Mari Carmen, Oscar, Juan, Jose, Eva, Moncho, Robin, Carlos, Cris e Natalia. Gracias tamén a Fran Rei e a Martha Franco polo seu traballo. Seguiremos traballando para que esta Gala teña continuidade e haxa moitas edicións máis”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Abarrote para disfrutar con una Gran Gala da Diversidade y Arcea Adames"

Imaxe da primeira Gala da Diversidade

Multimedia

  • Imaxe da primeira Gala da Diversidade
  • Imaxe da primeira Gala da Diversidade
  • Imaxe da primeira Gala da Diversidade
  • Imaxe da primeira Gala da Diversidade
  • Imaxe da primeira Gala da Diversidade
  • Embedded thumbnail for
  • Embedded thumbnail for
  • Embedded thumbnail for