[05-09-2017] Entre o 1 de xullo e o 31 de agosto os rapaces e rapazas que acudiron ás piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como á praia fluvial de Tapia puideron entreterse a través do servizo de bibliopiscinas. Este verán houbo unha novidade, un espazo sobre igualdade que estivo de maneira itinerante polas tres bibliopiscinas. Estivo composto por sete obras, pensadas para idades diferentes e cuxa temática tentaba abordar a igualdade de xénero. O obxectivo principal foi ensinarlles os nenos e nenas, dunha forma sinxela e entretida, valores necesarios para acadar a igualdade entre homes e mulleres.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, ofreceu durante os meses de xullo e agosto o servizo de bibliopiscinas nas piscinas municipais descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro e na praia fluvial de Tapia. Cada unha delas contou cunha monitora ou monitor especializado, a excepción dos fin de semana, que houbo dúas persoas encargadas da bibliopiscina de Tapia. Cada unha das bibliopiscinas dispuxo de libros, xogos tradicionais e de mesa para os máis pequenos e pequenas da casa, así como con xornais e libros para un público máis adulto.
Ademais, o servizo de bibliopiscinas incluíu tanto actividades de animación á lectura, como lúdicas. Deste xeito, houbo sesións de contacontos, xogos e diferentes obradoiros, que na maioría dos casos se realizaron con materiais de refugallo. Os nenos e nenas fixeron flores con caixas de ovos e papeis de cores; e elaboraron dinosauros, lapiseiros e instrumentos musicais con rolos de papel. Tamén participaron en obradoiros de papiroloxía con xornais e papeis; construíron xogos de corcho; elaboraron cadros e caretas con cartóns; decoraron pedras para utilizalos como pisapapeis e pintaron murais con elementos da natureza, etc.
Espazo itinerante sobre igualdade
Nesta edición das bibliopiscinas houbo unha novidade respecto a outro anos. Creouse un espazo sobre igualdade que estivo de maneira itinerante polas tres bibliopiscinas. Estivo composto por sete obras, pensadas para idades diferentes e cuxa temática tentaba abordar a igualdade de xénero. O obxectivo principal foi ensinarlles os nenos e nenas, dunha forma sinxela e entretida, valores necesarios para acadar a igualdade entre homes e mulleres.
Superheroe. Manual de instrucións estivo dirixido aos nenos e nenas que tiñan de 3 anos en diante. A través deste libro buscouse fomentar valores como a empatía, a tolerancia, a xustiza e o respecto. A obra Sopa de cabaza foi para os rapaces e rapazas de ata 7 anos e estivo orientado á resolución de conflitos. Para os nenos e nenas de máis de 7 anos escolléronse os libros Eu vou comigo; Orellas de bolboreta; e Billy e o vestido rosa. A obra Croquetas e wasaps foi para rapaces e rapazas de máis de 12 anos. Este libro que versa sobre educación emocional e crecemento persoal, compartiu a súa temática coa obra Non son perfecta, pensada, neste caso, para rapazas e rapaces de máis de 14 anos.
Horario das bibliopiscinas
En Bertamiráns e no Milladoiro o horario foi de luns a venres de 16:00 h a 20:00 horas. As fins de semana e os festivos estiveron pechadas. En Tapia o horario foi o mesmo, dende as 16:00 h ás 20:00 horas, pero de martes a domingo (os luns estiveron pechadas por descanso do persoal). Ademais, estivo aberto os días festivos. Este servizo foi impartido por varios monitores/as que se encargaron de facer máis entretidas as tardes de piscina da época estival.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Cultura, ocio e igualdad de género desde las tres bibliopiscinas de Ames"




