[30-04-2011] Os cativos da escola infantil municipal A Madalena visitaron esta mañá a Casa do Concello. O motivo da visita foi instrutivo e lúdico á vez. Os nenos e nenas visitaron o salón de plenos onde foron recibidos polo alcalde de Ames, Carlos Fernández, e polos concelleiros de Mocidade, Patricia Conde; Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente, Úrsula Seijas; Cultura e Deportes, Paco Villaverde; Sanidade, Reforma Administrativa e Calidade na Administración, José Miñones; e o de Infraestruturas e Obras, Gustavo Nieto. A continuación baixaron á praza do Concello onde puideron subir na moto e conducir un dos coches da Policía local. Antes de volver ás aulas os pequenos entregáronlle un agasallo ao alcalde e aos concelleiros para agradecer a súa xentileza, baseado nunha escultura do artista galego Jorge Peteiro. Esta actividade enmárcase dentro do programa Coñecendo o contorno máis próximo.
Esta actividade estase convertendo en habitual e desenvólvese de xeito diferente segundo as idades do alumnado. Nesta ocasión foron 64 alumnos e alumnas do último curso de infantil da escola municipal A Madalena do Milladoiro os que se sentaron no salón de plenos da Casa consistorial e coñeceron de preto ao alcalde de Ames, Carlos Fernández, e parte do grupo de goberno, entre os que estaban Patricia Conde, Úrsula Seijas, Paco Villaverde, José Miñones e Gustavo Nieto .
A vista comezou co alcalde dándolle a benvida aos 64 nenos e nenas da escola infantil municipal A Madalena. A continuación Carlos Fernández preguntoulle aos cativos de quen é a Casa do Concello. Os nenos e nenas tiñan a lección ben aprendida e non caeron na trampa. A resposta foi que a Casa Consistorial é de todos os cidadáns de Ames. A espontaneidade e a naturalidade dos pequechos e pequechas conseguiu que estes metesen no peto aos representantes municipais que advertiron o moi interesados que estaban os nenos e nenas nas cuestións relativas ao concello e ao que nel poden facer eles como cidadáns.
O alumnado da escola infantil de A Madalena deu mostras de coñecer de sobra ao rexedor municipal e aos concelleiros e concelleiras da corporación municipal. Os cativos foron dicindo un por un os nomes dos distintos membros do goberno municipal e tamén puideron ver e tocar o bastón de mando da alcaldía.
Posteriormente puideron sentarse nas cadeiras que ocupan o alcalde e os concelleiros durante os Plenos, ocupando por un día os espazos de responsabilidade dos maiores. Os nenos mostráronse encantados con esta iniciativa e sentáronse nas diversas butacas do salón. Antes de baixar á praza do Concello, os cativos entregáronlle un agasallo ao alcalde: unha reprodución dunha escultura de Jorge Peteiro, un artista galego co que este ano están a traballar os nenos e nenas nas horas de manualidades e plástica. Carlos Fernández mostrouse gratamente sorprendido polo colorido da peza de agasallo así como pola súa forma que representaba a un peixe globo.
Carlos Fernández indicoulles que todos os agasallos que recibe son gardados no departamento de alcaldía. Os concelleiros tamén quedaron encantados co agasallo que lle entregaron os cativos. Esta peza os foi elaborada previamente polos nenos e nenas nas aulas da escola.
Antes de marchar os pequenos aínda tiveron tempo para gozar coa visita de dous membros da Policía local. Os nenos e nenas puideron montar na moto e conducir un dos coches da unidade policial. Foi o que máis lles gustou da visita pois resultoulles moi emocionante poder conectar o sistema de alarmas da moto e do coche e ver as súas luces funcionando, así como poñerse os cascos que empregan os e as motoristas da policía local.
Cómpre dicir que esta actividade enmárcase dentro do programa Coñecendo o contorno máis próximo. Todas as actividades deste programa teñen como obxectivo achegar aos nenos e nenas ao seu exterior máis inmediato, así como ensinarlle o funcionamento de distintos organismos que son fundamentais para a súa vida diaria, como a policía local, grupo indispensable na protección e atención ao cidadán, tal como aprenderon esta mañá os cativos.




