[01-11-2011] Os nenos e nenas da Escola infantil municipal do Bosque deron por rematados os festexos con motivo da celebración do Samaín. Durante a semana pasada os nenos e nenas desta escola municipal realizaron diferentes obradoiros nos que prepararon os traxes e as cabazas, que forman parte do Samaín, que se celebra con motivo do día de defuntos. Este centro educativo quere transmitirlles aos máis pequenos/as esta celebración celta, para manter as nosas tradicións máis antigas dunha forma divertida. A celebración rematou cunha gran festa na que participaron os nenos/as e as profesoras/es.
O día da festa os nenos/as de 0 a 1 anos disfrazáronse de cabazas e de vampiros. As profesoras dos nenos de 1 a 2 anos disfrazáronse de bruxas e contáronlle aos nenos/as o conto "Corre, corre cabaciña", mentres que na aula de 2 a 3 representaron o conto da Cincenta. Despois bailaron todos xuntos unha canción preparada especificamente para este día.
Ademais destes obradoiros, as educadoras atoparon a forma de falarlles sobre o Samaín dunha maneira que o entendesen, a través de contos e cancións típicas. Esta actividade é unha forma mais de participar nas tradicións da nosa terra, como sempre, tendo en conta os coñecementos que poden adquirir os nenos/as destas idades.
Ano tras ano este centro educativo celebra puntualmente esta festa, porque ademais de representar unha semana de lecer e completa diversión para os nenos e nenas, o Samaín é unha das nosas tradicións máis antigas. Esta actividade enmárcase na programación de actividades que ten a escola infantil municipal do Bosque para o curso 2011-2012. Ademais desta festa, ao longo do curso celebraranse outras festividades como poden ser o Magosto, o Nadal ou o Entroido.
Moita xente cre que a costume de baleirar cabazas para a véspera do día de Todos os Santos é algo importado de América. Pero os celtas xa celebraban o Samaín en Galicia moito antes de que chegara a moda do Halloween. Na escola infantil municipal O Bosque os/as cativos quixeron lembrar esta tradición e realizaron varias actividades relacionadas co Samaín durante toda a semana pasada.
Os nenos/as traballaron desde o pasado luns na preparación das cabazas, facendo as típicas caras. As educadoras e algúns pais/nais levaron para a escola distintos tipos de cabazas, que os nenos/as xunto coas súas profesoras/es encargáronse de baleirar e decorar. Todos estes elementos empregáronse para decorar a escola. Para iso, á parte de cabazas, tamén empregaron bruxas, morcegos, etc. Todo este traballo estivo dirixido a preparar a festa que realizaron o día 28 de outubro, onde os nenos/as mostraron o traballo que estiveron facendo ao longo de toda a semana.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Os rapaces e rapazas da Escola Infantil do Bosque celebraron o Samaín"




