[07-05-2011] Os nenos e nenas de Ames xa poden matricularse nos campamentos deportivos que ofrece a Deputación da Coruña, a través da Concellaría de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico. Estes campamentos están dirixidos a rapaces e rapazas de entre 9 e 13 anos. Para poder apuntarse nesta actividade hai que estar empadroado no concello de Ames. As inscricións faranse no Rexistro Xeral do Concello. O prazo de inscrición xa está aberto e pecharase o día 4 de xuño. As actividades desenvolveranse entre o 24 e o 30 de xullo no colexio Calvo de Sotelo da Coruña. Ofértanse 16 prazas. No caso de haber máis inscricións que prazas, realizarase un sorteo público o 6 de xuño, ás 12:00 horas, na Casa do Concello. Terán preferencia os/as nenos/as que non asistiron o ano anterior.
Un ano máis a Deputación da Coruña organiza un programa de campamentos deportivos para todos os nenos e nenas dos concellos da provincia. Co obxectivo de facilitar a inscrición de todos os cativos que estean interesados nestas actividades, a Concellaría de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico, abre un período de inscrición que estará aberto ata o vindeiro 4 de xuño. Esta iniciativa xorde co fin de conciliar a vida familiar e laboral de todos os pais e nais durante as vacacións de verán.
Este campamento concentrará dous deportes preferentes: o golf e a vela. No caso do golf, haberá tres xornadas que se desenvolverán nun campo regulamentario de ata nove furados, e para a vela celebraranse dúas xornadas en barcos de sete ou máis metros de eslora. O campamento tamén ofrecerá actividades deportivas complementarias como o tenis de pista, o balón volea na praia, as olimpíadas da paz, xogos cooperativos e de praia, entre outros.
Ofértanse 16 prazas para o Concello de Ames polo que todos os interesados deben darse présa para apuntarse. Este campamento está dirixido aos nenos e nenas de entre 9 e 13 anos que estean empadroadas no concello de Ames. Estas actividades desenvólvense en diferentes quendas. Aos rapaces e rapazas de Ames correspóndelles a quenda que vai do 24 ao 30 de xullo.
O aloxamento e o desenvolvemento das actividades terá lugar no colexio Calvo de Sotelo da Coruña. O prezo será de 85 euros que inclúe os gastos de transporte de ida e volta, estadía e manutención, así coma gastos do material deportivo (ferros de golf, raquetas de tenis ou chalecos salvavidas). No caso de haber máis inscricións que prazas, realizarase un sorteo público o día 6 de xuño, ás 12:00 horas, na Casa do Concello onde terán preferencia os nenos e nenas que non asistiran o ano anterior.
Oferta cultural
Pero a oferta non só será deportiva este verán, senón tamén cultural, xa que os participantes poderán compaxinar deporte máis cultura, coñecendo a problemática do ecosistema mariño das nosas rías a través de obradoiros e visitas guiadas a algúns centros de interese cultural na comarca e na cidade da Coruña.
Os pais e nais interesados deben formalizar a inscrición no Rexistro Municipal do Concello de Ames, de luns a sábado, en horario de 09:00 h. a 14:00 horas, entregando a ficha de inscrición debidamente cuberta e asinada polos pais ou titor/as do solicitante, unha foto carné, unha fotocopia do documento de asistencia sanitaria, unha fotocopia do libro de familia ou carné de identidade e unha copia de aboamento da cota de inscrición. Este trámite haberá que efectualo despois de que se obteña a praza solicitada. No caso de algúns dos nenos ou nenas precisen un tratamento específico ou sufran unha doenza que haxa que ter en conta, haberá que achegar un xustificante médico asinado polo facultativo pertinente.
Para máis información pódese acudir á páxina web www.dicoruna.es, da Deputación da Coruña ou chamar ó teléfono 981 080 327.




