[01-05-2012] Os nenos e nenas de Ames xa poden matricularse nos campamentos deportivos que ofrece a Deputación da Coruña, a través da Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado. Estes campamentos están dirixidos a rapaces e rapazas de entre 9 e 13 anos. Para poder apuntarse nesta actividade hai que estar empadroado no concello de Ames. As inscricións faranse no Rexistro Xeral do Concello. O prazo de inscrición xa está aberto e pecharase o día 1 de xuño. As actividades desenvolveranse entre o 8 e o 14 de xullo no colexio Calvo de Sotelo da Coruña. Ofértanse 12 prazas. No caso de haber máis inscricións que prazas, realizarase un sorteo público o 6 de xuño, ás 12:00 horas, na Casa do Concello. Terán preferencia os/as nenos/as que non asistiron o ano anterior. O prezo deste campamento é de 85 euros. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o tríptico e o impreso de inscrición dos campamentos deportivos da Deputación da Coruña.
Un ano máis a Deputación da Coruña organiza un programa de campamentos deportivos para todos os nenos e nenas dos concellos da provincia. Co obxectivo de facilitar a inscrición de todos os cativos que estean interesados nestas actividades, a Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, abre un período de inscrición que estará aberto ata o vindeiro 1 de xuño. Esta iniciativa xorde co fin de conciliar a vida familiar e laboral de todos os pais e nais durante as vacacións de verán.
Este campamento concentrará dous deportes preferentes: o golf e a vela. No caso do golf, haberá tres xornadas que se desenvolverán nun campo regulamentario de ata nove furados, e para a vela celebraranse dúas xornadas nas que se desenvolverán saídas ó mar para realizar actividades de navegación en barcos de vela tipo cruceiro. O campamento tamén ofrecerá actividades deportivas complementarias como o tenis, o balón volea na praia, as olimpíadas da paz, xogos cooperativos e de praia, entre outros.
Ofértanse 12 prazas para o Concello de Ames polo que todos os interesados deben darse présa para apuntarse. Este campamento está dirixido aos nenos e nenas de entre 9 e 13 anos que estean empadroadas no concello de Ames. Estas actividades desenvólvense en diferentes quendas. Aos rapaces e rapazas de Ames correspóndelles a quenda que vai do 8 ao 14 de xullo.
O aloxamento e o desenvolvemento das actividades terá lugar no colexio Calvo de Sotelo da Coruña. O prezo será de 85 euros que inclúe os gastos de transporte interno, estadía e manutención en residencia e todo o gasto que ocasionen as actividades programadas. A incorporación ó campamento deportivo realizarase o domingo despois de xantar, e a saída dos participantes será o sábado despois do almorzo.
O material propio das actividades deportivas (ferro de golf, raquetas de tenis, pelotas, balóns e chalecos salvavidas) entregaráselle a cada participante durante a celebración do campamento.
Pero a oferta non só será deportiva este verán, senón tamén cultural, xa que os participantes poderán compaxinar deporte máis cultura. Realizaranse actividades e xogos que teñan elementos que fomenten a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e o respecto polos demais. Tamén se realizarán visitas a centros de interese cultural na comarca e na cidade da Coruña.
Tramitación das inscricións
Os pais e nais interesados deben formalizar a inscrición no Rexistro Municipal do Concello de Ames, de luns a sábado, en horario de 09:00 h. a 14:00 horas, entregando a ficha de inscrición debidamente cuberta e asinada polos pais ou titor/as do solicitante, unha foto carné, unha fotocopia da tarxeta sanitaria, unha fotocopia do libro de familia ou carné de identidade e unha copia de pagamento da cota de inscrición (este último papel haberá que entregalo despois de que o concello lle confirme ao solicitante que dispón da praza solicitada). No caso de algúns dos nenos ou nenas precisen un tratamento específico ou sufran unha doenza que haxa que ter en conta, haberá que achegar un xustificante médico asinado polo facultativo pertinente.
No caso de haber máis inscricións que prazas, realizarase un sorteo público o día 6 de xuño, ás 12:00 horas, na Casa do Concello onde terán preferencia os nenos e nenas que non asistiran o ano anterior. Para máis información pódese acudir á páxina web www.dicoruna.es, da Deputación da Coruña ou chamar ó teléfono 981 080 300, extensión 4308.