Pestanas principais

Os rapaces da escola infantil da Madalena despediron o curso con baile e música

Venres, 22 de xuño de 2012

[22-06-2012] A escola infantil municipal da Madalena celebrou esta tarde na Casa da Cultura do Milladoiro o seu festival de fin de curso. Os nenos e nenas, pais e nais, profesores e persoal da escola infantil gozaron de actuacións musicais dos alumnos e alumnas maiores, de 2 a 3 anos, e dun grupo de pais e nais da ANPA. A esta cita asistiron o concelleiro de Educación, Bernardo Moar; o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, e a concelleira Susana Mayo.

O festival comezou coa subida ao escenario das tres clases de nenos de 2 a 3 anos, que fixeron cadanseu baile e interpretaron diversas cancións coma 'O zoo dos animais', 'A vaca marela' e 'O tren'. Seguidamente, foi a quenda dun grupo de pais e nais, que interpretaron 'O libro máxico'.

Tras as actuacións musicais, o acto de fin de curso continuou coa tradicional entrega dos diplomas e a festa rematou cunha merenda na que tanto pais e nais, como nenos e o persoal da escola pasaron un anaco moi relaxado onde aproveitaron todos para despedirse entre petiscos.

Coincidindo con esta celebración, un grupo de pais e nais fixeron chegarlle ao Concello a súa noraboa aos profesionais da escola infantil do Milladoiro polo trato prestado aos alumnos e alumnas e polas actividades organizadas.