[14-05-2011] As medidas postas en marcha polo Concello de Ames para loitar contra os incumprimentos urbanísticos de promotoras e construtoras que operen no municipio están a dar os seus froitos. Os propietarios dun solar da rúa Magdalena iniciaron os traballos de reparación dos danos provocados polo abandono da obra, tras ser sancionados pola Administración local a raíz do expediente aberto polo departamento de disciplina urbanística. Os traballos inclúen a reposición das beirarrúas, danadas polas tarefas de escavación na parcela, a construción dun noiro e o reforzamento do peche coa colocación dunha malla tupida. O obxectivo principal é garantir a seguridade da veciñanza pero tamén se busca a mellora estética.
Os propietarios da parcela puxeron en marcha as obras despois de que o Concello lles impuxera unha multa de 500 euros por desoír os apercibimentos feitos dende o departamento de disciplina urbanística. O expediente remóntase á maio de 2007, cando a Xunta de Goberno Local concedeu unha licenza de obra para a construción nunha parcela da Rúa Magdalena do Milladoiro dun edificio de 48 vivendas e locais comerciais, nun prazo máximo de 3 anos. Sen embargo, en outubro de 2009, unha vez concluídas as obras de escavación, os traballos paralizáronse indefinidamente e a consecuencia desa paralización, producíronse unha serie de irregularidades que obrigaron ao Concello a iniciar, o 29 de outubro do 2010, un expediente ordenando aos propietarios que puxesen fin ás deficiencias. En concreto, pedíaselles que a fin de evitar riscos para a veciñanza do lugar se retirase a grúa de obra que estaba instalada no solar, se reforzase o valado e se arranxase o pavimento da beirarrúa.
Un ano despois, en novembro de 2010, a grúa foi retirada pero non se reparou ningún dos outros danos, o que provocou que dende á alcaldía se fixera un novo requirimento aos propietarios da parcela, advertindo que de non reparar os danos pendentes iríselles impoñer unha primeira multa coercitiva. Non o fixeron polo que, o 22 de febreiro de 2011, ditouse un decreto impoñéndolles unha primeira sanción económica de 500 euros e advertíndolles de que as multas iríanse repetindo ata que se acometeran os traballos. As medidas coercitivas lograron dar os seus froitos e o pasado martes, iniciábanse no solar as obras de reparación das deficiencias no pavimento, así como as destinadas a mellorar a seguridade no peche e no interior da parcela. A previsión é que os traballos estean concluídos o vindeiro luns, 16 de maio, momento no que se pecharía o expediente e se poría fin ás multas.
O 85% dos propietarios fan as obras no momento de ser apercibidos
O da rúa Magdalena non é o único expediente tramitado polo departamento de disciplina urbanística. Aínda que a maioría dos propietarios realizan as obras no momento de ser apercibidos e polo tanto, os casos nos que o expediente se traduce en multas coercitivas son escasos. Os servizos xurídicos de urbanismo cifran nun 85% os expedientes que se resolven nese primeiro trámite pero de non ser así, o Concello ten articulados distintos mecanismos para garantir que os promotores cumpren coa normativa urbanística en vigor e deixan en perfecto estado as vías e espazos públicos que lindan cos terreos onde realizan as súas construcións.
A imposición de multas coercitivas é só unha das medidas destinadas a que se cumpran as esixencias municipais en materia de seguridade, salubridade e ornato público. De xeito paralelo ás ordes de execución que realiza o departamento de disciplina urbanística, a área de planeamento e xestión do servizo técnico xurídico de Urbanismo tramita cambios de sistema de actuación nos casos en que persista o incumprimento do deber de urbanizar ou se realicen urbanizacións defectuosas.
Neses casos, a administración local incautase dos avais da promotora e emprega eses cartos na realización das obras. Así, o Concello substituiría ás firmas promotoras no deber de acometer de xeito adecuado as urbanizacións pero faríao cos cartos destas, a través da incautación dos avais.
A crise incrementa o número de parcelas abandonadas
O Concello de Ames considera especialmente importante a realización de controis urbanísticos exhaustivos nun momento en que a crise económica disparou o abandono de solares, e por iso porá en marcha todas as medidas necesarias para garantir que o desestimento na realización dos traballos non se traduza en parcelas insalubres ou con riscos innecesarios para a veciñanza, así como para constatar, no caso de que si se rematan os traballos de construción das vivendas, que as obras de urbanización se realicen atendendo á normativa urbanística vixente.