Pestanas principais

Os propietarios de terreos forestais teñen a obriga de manter limpas as parcelas incluídas nas faixas de especial protección de núcleos

Martes, 24 de maio de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, lémbralle os/as propietarios/as de terreos forestais, que estean incluídos nas faixas de especial protección de núcleos, a obriga de manter sempre limpos ditos terreos e en todo caso sempre antes do 31 de maio de cada ano. O Concello publicou un bando no que se fai un recordatorio das obrigas dos responsables de terreos forestais contemplados na Lei 3/2007 de prevención de incendios forestais de Galicia, modificadas pola Lei de 7/2012 de montes de Galicia.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, informa a todos os veciños e veciñas de Ames, que a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia publicou no DOG do martes 17 de abril de 2007, a lei de Prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia modificada posteriormente pola lei 7/2012 de Montes de Galicia (DOG do luns 23 de xullo de 2012).

A mencionada lei establece no seus artigos 21 e 22 as obrigas das persoas físicas e xurídicas responsables das parcelas incluídas nas faixas de especial protección de núcleos, que deberán cumprir coas obrigas de xestión do combustible vexetal (tala e roza), antes do 31 de maio de cada ano, xestionando a biomasa vexetal nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado, así como ao redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais ubicadas a menos de 400 metros do monte, de maneira que nestes 50 metros non poderá haber nin piñeiros nin eucaliptos nin acacias, de acordo cos criterios de xestión de biomasa establecidos na disposición transitoria terceira.

Os/as propietarios/as de terreos forestais, que estean incluídos nas faixas de especial protección de núcleos, teñen a obriga de manter sempre limpos ditos terreos e en todo caso sempre antes do 31 de maio de cada ano.

As distancias no caso de edificacións, vivendas illadas ou urbanización mediranse dende o paramento das mesmas. No caso de depósito de lixo, parques ou instalacións industriais, mediranse dende o límite das instalacións.

No caso de incumprimento das obrigas sinaladas anteriormente, segundo o artigo 22 da Lei 3/20017, de procedemento de xestión da biomasa no ámbito das redes secundarias, o Concello de Ames poderá proceder á notificación ás persoas responsables da súa obriga, advertíndolle da posibilidade de execución subsidiaria en caso de incumprimento e sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que correspondese, e da aplicación de multas coercitivas, no seu caso.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, lembra que “é obriga de cada veciño e veciña manter limpas as súas parcelas que estean incluídas nas faixas de especial protección de núcleos. Ditos traballos de limpeza deberán executarse ao longo do ano e sempre antes do 31 de maio. Despois desta data o Concello de Ames poderá proceder á execución subsidiaria da xestión da biomasa que estea preto das casas”.

Plan de Incendios 2022
Ao mesmo tempo, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, está traballando na elaboración do Plan de Incendios para o ano 2022. Dito plan, tomando as categoría dos lumes presentes no correspondente PEOFOGA, contempla os pasos que se deberán dar en cada un dos casos.

Poden darse tres tipos de situacións de emerxencia, segundo a magnitude do lume, os bens forestais e de natureza non forestal aos que afecten e as necesidades e medios que se precisen para atallalo. As situacións segundo o nivel en que se atope o lume son pre-alerta, alerta e emerxencia. O plan define cada unha das fases e os pasos a seguir en cada unha delas.

Ademais, recolle o inventario de medios propios e concertados dos que dispón o Concello, fai un resumo da loxística a seguir no caso de declaración de lumes que afecten os bens e as persoas, e reúne os contactos e teléfonos das persoas e grupos involucrados en situacións propias deste lumes. Este plan será presentado publicamente nas vindeiras semanas.

A través deste plan artéllanse e organízanse os medios persoais e materias dos que dispón o Concello de Ames no operativo municipal de prevención de incendios. O plan é unha folla de ruta que facilita a actuación de cada un dos sectores implicados en caso de producirse un incendio no concello e que ten como obxectivo unir esforzos na loita contra o lume.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Alerta maiana: quedan escasos días para tener limpias las fincas"

AMSGO!: "Ames lembra aos propietarios de terreos forestais nas faixas de especial protección a obriga de mantelos limpos"

Limpa a túa finca

Multimedia

  • Limpa a túa finca