Pestanas principais

Os propietarios de parcelas en núcleos de especial protección deberán cumprir coas obrigas da lei de incendios

Venres, 29 de abril de 2011

[29-04-2011] Os propietarios e propietarias de parcelas incluídas nas faixas de especial protección, nos núcleos de poboación, deberán cumprir coa obriga de realizar a xestión do combustible vexetal (tala e roza). Como en anos anteriores, o Concello de Ames lémbralle a todos os veciños e veciñas que dispoñan dunha parcela, que estea situada nunha faixa de especial protección, que deberán realizar os devanditos traballos de tala e roza.

Achégase o verán, coas altas temperaturas e a existencia de combustible vexetal, o perigo de incendio nos montes incrementa. O Concello de Ames volve a lembrar as obrigas legais dos propietarios/as de parcelas forestais situadas nun lugar próximo a vivendas ou outras edificacións e instalacións.

A lei 3/2007 de prevención de incendios indica que as persoas arrendatarias, usufrutuarias ou titulares de terreos están obrigados a xestionar a biomasa vexetal nunha franxa de 100 metros arredor de calquera núcleo poboacional, edificación, urbanización, depósito de lixo, cámpings, instalacións recreativas, obras, parques e instalacións industriais. Ademais deberán rozar e talar as especies arbóreas de alta combustibilidade, como piñeiros, eucaliptos e acacias, nos 50 metros desde o extremo da propiedade. Os 50 metros restantes deberán estar limpos de matogueira.

Para cumprir coas obrigas de limpeza das parcelas, os propietarios deben asumir eles mesmos os traballos. No caso de incumprimento das obrigas sinaladas anteriormente, segundo o artigo 22 da Lei 3/2007, de procedemento para a xestión da biomasa no ámbito das redes secundarias, o Concello de Ames procederá á execución forzosa dos traballos.

Medidas para as urbanizacións

Así mesmo, dende o Concello de Ames lémbralle aos presidentes/as e membros das comunidades de veciños das urbanizacións municipais, as medidas de prevención de incendios forestais nas urbanizacións, recollidas no artigo 23 da lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia.

As urbanizacións, edificacións, e instalacións resultantes da execución de plans de ordenación urbanística situadas nas zonas de influencia forestal que non teñan continuidade inmediata coa trama urbana terán que asegurar a existencia dunha faixa de protección de 50 metros de ancho ao seu redor; manter o terreo non edificado da parcela ou parcelas e o viario de titularidade privada libres de vexetación seca e coa masa arbórea aclarada; adoptar medidas especiais relativas á resistencia do edificio, á pasaxe do lume e á contención de posibles fontes de ignición procedente de incendios forestais; dispoñer dunha rede de hidrantes homologados para a extinción de incendios; e presentar ante a administración municipal un plan de prevención e defensa contra incendios forestais.

Cando os responsables establecidos na alínea anterior non sexan os titulares da totalidade da faixa exterior de protección, establécese unha servidume forzosa para acceder á faixa establecida. Este acceso farase durante o tempo estritamente necesario para o labor da xestión da biomasa, e polo punto menos prexudicial ou incómodo para os terreos gravados e, de ser compatible, polo máis conveniente para o beneficiario, non podendo afectar en ningún caso a construcións ou infraestruturas que se sitúen neles.