[16-02-2012] Os propietarios e propietarias de parcelas incluídas nas faixas de especial protección, nos núcleos de poboación, deberán cumprir coa obriga de realizar a xestión do combustible vexetal (tala e roza). Como en anos anteriores, o Concello de Ames lémbralle a todos os veciños e veciñas que dispoñan dunha parcela, que estea situada nunha faixa de especial protección, que deberán realizar os devanditos traballos de tala e roza, tal e como se recolle na lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
Segundo a lexislación vixente os propietarios de fincas que están incluídas nas faixas de especial protección de núcleos de poboación deben ter rematados os traballos preventivos de limpeza e xestión do combustible vexetal antes do 31 de marzo de cada ano e axeitándose aos criterios establecidos por orden da Xunta de Galicia en materia forestal. Deste xeito, cando chegue o verán e as altas temperaturas, o perigo de incendio nos montes será menor. Para cumprir coa obriga legal o Concello de Ames volve a lembrar as accións preventivas que os propietarios/as de parcelas forestais, situadas nun lugar próximo a vivendas ou outras edificacións e instalacións, deben realizar.
A lei 3/2007 de prevención de incendios indica que as persoas arrendatarias, usufrutuarias ou titulares de terreos forestais ou situados nas zonas de influencia forestal están obrigados a xestionar a biomasa vexetal nunha franxa de 100 metros arredor de calquera núcleo de poboación, edificación, urbanización, depósito de lixo, cámpings, instalacións recreativas, obras, parques e instalacións industriais. Ademais deberán rozar e talar as especies arbóreas de alta combustibilidade, como piñeiros, eucaliptos e acacias, nos 50 metros desde o extremo da propiedade. Os 50 metros restantes deberán estar limpos de matogueira.
Para cumprir coas obrigas de limpeza das parcelas, os propietarios deben asumir eles mesmos os traballos. No caso de incumprimento das obrigas sinaladas anteriormente, segundo o artigo 22 da Lei 3/2007, de procedemento para a xestión da biomasa no ámbito das redes secundarias, o Concello de Ames procederá á execución forzosa dos traballos, que se pode efectuar a través da execución subsidiaría ou multa coercitiva, sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que no seu caso corresponda.