Pestanas principais

Os pequenos do concello visitarán a Biblioteca municipal de Ames

Sábado, 22 de xaneiro de 2011

[22-01-2011] Alumnos e alumnas de 2º, 4º e 6º de Primaria de varios centros públicos do Concello visitarán ao longo dos meses de xaneiro, febreiro, marzo e abril a biblioteca municipal de Ames para familiarizarse co seu funcionamento e características. Os nenos e nenas poderán aprender por medio dun xogo de pistas no que terán que esforzarse por recuperar informacións. Con esta iniciativa búscase dar a coñecer a biblioteca e os seus fondos á poboación escolar para que se interesen polo seu uso.

A Biblioteca de Bertamiráns abre as súas portas para darse a coñecer aos máis pequenos do Concello e conseguir así fomentar o seu interese por ela. Entre xaneiro e abril tanto a biblioteca de Bertamiráns coma a do Milladoiro recibirán alumnos de 2º, 4º e 6º de educación primaria que terán así a oportunidade de coñecer o seu funcionamento. Desde a organización dos fondos á recuperación de documentos por medio da busca no catálogo e localización nos estantes, os rapaces irán descubrindo o relativo ao funcionamento da servizo de bibliotecas. Deste modo buscarase que se interesen por esta e comecen a empregala de xeito habitual.

As actividades específicas mudarán segundo o curso en cuestión, pero todas terán como obxectivo explicar o funcionamento da biblioteca. Para amenizar a aprendizaxe, esta farase por medio dun xogo de pistas no que os rapaces terán que recuperar información e realizar buscas relacionadas con varios autores da literatura galega, mediante o emprego do catálogo.

Os colexios participantes acudirán á biblioteca que estea máis próxima, desta maneira os CEIP de Barouta, A Maía e Agro do Muíño visitarán a biblioteca de Bertamiráns, mentres que o CEP de Ventín visitará a biblioteca do Milladoiro. Entre o 24 de xaneiro e o 4 de febreiro realizarán as súas visitas os alumnos de 6º de primaria. Do 21 de marzo ao 1 de abril será a quenda dos de 4º, e os de 2º irán entra o 4 e o 29 de abril. As visitas realizaranse sempre en horario de mañá. Os días de actividades serán anunciados con tempo na biblioteca e, durante a realización destas, os demais servizos poderán verse afectados.