Pestanas principais

Os pavillóns municipais do Milladoiro e Bertamiráns acolleron esta tarde o recibimento aos Reis Magos de Oriente

Venres, 05 de xaneiro de 2018

[05-01-2018] Gaspar, Melchor e Baltasar pasaron hoxe por Ames para saudar as nenas e nenos do concello. Ás 17:00h e ás 18:00 horas, respectivamente, os Reis achegáronse ás Oficinas municipais do Milladoiro e á Casa do Concello de Bertamiráns para deixar a súa firma no libro municipal de sinaturas. Posteriormente, recorreron as rúas das dúas localidades nun vehículo antigo e acompañados dos seus paxes e heraldos. A súa chegada aos pavillóns municipais estivo marcada polo entusiasmo das máis cativas e cativos, os cales puideron desfrutar de tres espectáculos de aros, aéreo e de pompas. Nos 90 minutos que durou o recibimento real repartíronse 204 quilos de caramelos sen glute, así como chocolate con rosca para merendar. Os Reis Magos tamén entregaron os premios do concurso de Cartas de Nadal.


A tarde deste venres de reis comezou no Concello de Ames coas Súas Maxestades acudindo ás Oficinas municipais do Milladoiro, ás 17:00h, e á Casa do Concello de Bertamiráns, ás 18:00h, para firmaren no libro de sinaturas municipal. Alí foron recibidos por diferentes membros da corporación municipal. Posteriormente, ás 17:30h e ás 18:30 horas, respectivamente, os Reis chegaron nun vehículo antigo, e acompañados polos seus paxes e heraldos, aos pavillóns municipais do Milladoiro e de Bertamiráns, onde xa eran esperados por centos de nenas e nenos acompañados das súas familias.

No Milladoiro, os reis percorreron as rúas Agro do Medio e dos Cereixos, así como a Travesía do Porto, antes de chegaren ao pavillón municipal. Pola súa banda, en Bertamiráns, os Reis partiron da praza do Concello e recorreron as avenidas da Maía e da Peregrina. Nas dúas localidades producíronse cortes de tráfico esporádicos nas rúas polas que pasou a comitiva real.

O discurso do alcalde, José Miñones, marcou o inicio da Festa de Reis nos pavillóns municipais. En Bertamiráns, após as palabras do alcalde, foi o rei Melchor o encargado de transmitir ás nenas e nenos unha mensaxe de ilusión e ledicia. Melchor tamén foi o responsable de entregar os premios do concurso de Cartas de Nadal ás crianzas gañadoras e de presentar o primeiro dos espectáculos. O segundo espectáculo foi presentado polo rei Gaspar, mentres que Baltasar presentou a terceira das actuacións. A primeira delas consistiu nun espectáculo de pompas de xabón xigantes, a segunda nunha demostración con aros hula hoop e a terceira baseouse nunha demostración de acrobacias aéreas con corda. Despois da realización das exhibicións, as nenas e nenos puideron achegarse aos Reis para conversar e fotografarse con eles. 

En Bertamiráns, a organización foi semellante. O acto comezou co discurso do alcalde, seguido das palabras do rei Melchor, quen presentou o primeiro dos espectáculos. O rei Gaspar presentou o segundo e Baltasar o terceiro. Após o desenvolvemento das demostracións, tivo lugar a entrega de premios do concurso de Cartas de Nadal, que correou a cargo da técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ames, Rosa Moreiras. As cativas e cativos de Bertamiráns tamén puideron fotografarse cos Reis Magos. Nos dous actos, que duraron aproximadamente 90 minutos cada un, serviuse chocolate con rosca para toda a veciñanza que a acudiu aos pavillóns polideportivos. 

Concurso de Cartas de Nadal
Os Concellos de Ames, Teo e Santiago puxeron en marcha, por terceiro ano consecutivo, unha iniciativa que procurou encher de contido as cartas coas que as crianzas piden os agasallos de Nadal. A iniciativa presentouse, nesta edición, baixo o lema Ponlle cor á lingua, a través do cal se animou ás nenas e nenos a colear a súa lingua, o galego, das tonalidades que considerasen máis axeitadas.

No Milladoiro, os premiados foron Álvaro Vilas Martínez, do CEIP Ánxeles, Yago Bouzas Durán, do CEP de Ventín, e Lia Fernández Martínez. Ademais, o xurado decidiu outorgar unha mención especial para as cartas colectivas que se enviaron desde a Escola Infantil Municipal A Madalena. En Bertamiráns, as crianzas gañadoras foron Sofía Martínez Bolaño, do CEIP A Maía, Antía Roca Maceiras e Mateo Sanmartín Castro.