Pestanas principais

Os pavillóns, casas da cultura e pistas exteriores de Bertamiráns e do Milladoiro acollen a festa de clausura das escolas deportivas municipais

Venres, 02 de xuño de 2017

[02-06-2017] O curso 2016-2017 das Escolas deportivas municipais chega ao seu fin e como todos os anos ao final de tempada celébrase unha festa de clausura onde os rapaces e rapazas fan unha demostración do aprendido ao longo destes meses nas actividades que participaron. Este ano hai varias novidades e celébrase a devandita festa en varias instalacións das localidades de Bertamiráns e do Milladoiro. Ademais, haberá entrega de diplomas, música a cargo de Djs, inchables, obradoiros e unha gran churrascada con animación musical.

Este ano a festa de clausura das escolas deportivas será un evento distinto. Dende o Concello decidiron sacar as actividades deportivas á rúa. Lonxe de concentrar todas as actividades nun mesmo pavillón e lugar, este ano cada actividade terá unha pequena exhibición nun entorno distinto acorde ao seu deporte. Así o tenis será na cancha aberta; a ximnasia, judo e ballet practicaranse nos auditorios das casas de cultura; os deportes de balón nas pistas exteriores; e o patinaxe no pavillón. Por mor da mostra de bolillos, que terá lugar este domingo no Milladoiro, non se poderá utilizar o pavillón desta localidade, polo que se trasladará a patinaxe a Bertamiráns.

A festa que comezará ás 16:00 horas en Bertamiráns e ás 16:30h no Milladoiro, estenderase ata as 18:00 horas, para a continuación ás 18:30 horas comezar coa entrega de diplomas en cada unha das actividades e grupos. Os actos finais celebraranse este ano no Milladoiro, xa que o ano pasado o peche das escolas deportivas realizouse en Bertamiráns. Dende o Concello e coa colaboración da empresa Serviplus, que xestiona as escolas deportivas, organizarase un evento familiar e festivo que terá continuidade cunha churrascada e música na zona verde da área deportiva do Milladoiro, na que haberá inchables, Dj e obradoiros para amenizar o peche destas actividades.

O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, agradece “a colaboración dos clubs que xestionaron as escolas este ano e que colaborarán no desenvolvemento desta festa deportiva”. Ademais para o alcalde “as escolas deportivas son unha clara mostra da aposta deportiva deste Concello e por iso queremos que o peche das mesmas nesta anualidade se converta nunha festa do deporte”.

Horarios das demostracións deportivas
No Milladoiro haberá baloncesto no pavillón, de 16:30 a 18:00 horas, mentres que na pista exterior practicarase tenis, de 16:30 a 17:00 horas; fútbol sala masculino, de 17:00 a 17:30 horas, e fútbol sala feminino, e 17:30 a 18:00 horas. Na Casa da Cultura do Milladoiro haberá judo, 16:30 a 17:00 horas; ximnasia rítmica de 17:00 a 17:30 horas; e predeporte de 17:30 a 18:00 horas.

Por outra banda, en Bertamiráns haberá demostracións no pavillón de predeporte e ximnasia rítmica, de 16:00 a 16:30 horas; patinaxe (grupos do Milladoiro), de 16:30 a 17:00 horas; patinaxe (grupos de Bertamiráns), de 17:00 a 17:30 horas; e volei de 17:30 a 18:00 horas. Ademais, na pista exterior de Bertamiráns realizaranse exhibicións de fútbol sala feminino, de 16:30 a 17:00, fútbol sala masculino, de 17:00 a 17:30 horas; e tenis de 17:30 a 18:00 horas. Por ultimo, practicarase baloncesto no aparcamento do pavillón de Bertamiráns, de 16:30 a 18:00 horas, e ballet e judo na Casa da Cultura, de 17:00 a 18:00 horas.

Récord de participación nas Escolas deportivas
Dende o pasado mes de outubro unhas 1.750 persoas participaron nas diferentes actividades que se impartiron nas Escolas deportivas municipais. Cómpre destacar que a impartición destas actividades correron a cargo da nova empresa adxudicataria do servizo, Serviplustotal SL, despois de que se sacará este servizo a licitación. En total ofrécense 16 modalidades deportivas para os nenos/as e adultos (12 disciplinas de fomento do deporte para menores de 14 anos e 4 de `Ponte en forma´, para as persoas maiores de esa idade).

O programa de `Ponte en forma´ incluíu actividades de pilates; sipinning, abdominais e glúteos; ximnasia de mantemento e, por primeira vez, aerozumba. Estas actividades impartíronse nos centros sociais de Tapia, Biduído, Ameixenda, Aldea Nova e nos centros socioculturais de Bertamiráns e do Milladoiro, apostando “pola realización de actividades no rural”. As persoas menores de 14 anos puideron practicar ballet, baloncesto, fútbol sala masculino ou feminino, judo, natación, patinaxe, predeporte, tenis, voleibol, xadrez e ximnasia rítmica.

A actividade de aerozumba tivo un gran éxito de inscrición e contou cunha participación de 178 usuarios/as, mentres que pilates contou con 322 inscritos/as, a ximnasia de mantemento tivo 158 usuarios/as e sipinning, abdominais e glúteos tivo 102 persoas matriculadas. Nas actividades de fomento do deporte a que máis usuarios/as inscritos tiveron foron a de patinaxe con 238 rapaces e rapazas, seguida da de baloncesto con 112 nenos/as; tenis con 111 e judo con 108.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Varias instalaciones municipales acogieron la Festa do Deporte"