[09-08-2015] Durante a última semana estívose acondicionando un local, que está situado ao carón da Casa do Concello, para destinalo a oficinas dos partidos políticos da oposición. Concretamente estas instalacións, que dispoñen de tres oficinas, un despacho común e aseos, están situadas na rúa Ameneiral, número 7 B a carón da casa consistorial. Cada unha destas oficinas están dotadas de mobiliario, ordenador, fotocopiadora, liña telefónica e conexión a Internet.
Cómpre lembrar que no pleno de organización, celebrado o pasado 10 de xullo, adoptouse o acordo de dotar de medios aos grupos políticos municipais da oposición. Concretamente, a proposta da Alcaldía que se levou a ese pleno comprendía a asignación aos grupos municipais da oposición dun local ao carón da Casa co Concello. Durante o transcurso de dita sesión plenaria, o representante do grupo Ciudadanos, manifestou a súa renuncia a ter persoal eventual e local propio.
Tras esa renuncia, o pleno acordou que a asignación dun local e de persoal eventual aos grupos municipais da oposición fose aos grupos políticos municipais do Partido Popular, Ames Novo e Pacto x Ames. Deste xeito o Goberno cumpre co acordado no pleno, e ademais, faino cun aforro do 50% do custe de alugueiro sobre a cantidade inicial que estaba prevista no informe de Intervención. O contrato de alugamento dos devanditos locais terá un custe de 500 euros mensuais e asinarase por un prazo de 1 ano, prorrogable ata un máximo de 4.
Esta semana o goberno municipal entregoulle as chaves aos partidos políticos da oposición para que poidan usar os seus locais municipais. Na última semana estívose acondicionando un baixo, que está situado nas inmediacións da Casa do Concello, co obxectivo de que puidese ser usado como oficina de traballo por parte dos concelleiros e concelleiras do grupos municipais do Partido Popular, Ames Novo e Pacto por Ames. O grupo municipal de Ciudadanos rechazou a posibilidade de usar este local municipal no pleno de organización, celebrado o pasado 10 de xullo.
O Concello acondicionou un baixo que dispón duns 70 metros cadrados aproximadamente. As obras que se realizaron consistiron na división do espazo con tabiques de pladur, para habilitar tres oficinas de 10 metros cadrados cada unha. Tamén se realizaron traballos de pintado, instalación de electricidade, conexións de telefonía e datos, e limpeza final.
Estas instalacións están situadas na rúa Ameneiral, número 7 B a menos de 20 metros da Casa Consistorial. Cada unha destas oficinas está dotada de mobiliario, ordenador, fotocopiadora, liña telefónica e conexión a Internet. O mobiliario que se instalou actualmente será substituído no mes de setembro xa que a empresa encargada de proporcionarlle ao Concello estes produtos non serve a domicilio durante o mes de agosto. Así, instalouse nestas oficinas mobiliario que estaba en exposición ata que o vindeiro mes se instale o definitivo.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames presenta los locales para sus partidos políticos"




