Pestanas principais

Os participantes do VIII Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames asisten a unha xornada de formación conxunta no Pazo da Peregrina

Mércores, 24 de outubro de 2018

[24-10-2018] O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu este mércores, 24 de outubro, unha xornada formativa para todo o alumnado inscrito no oitavo Concurso de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua!!! Durante o obradoiro, os rapaces/as puideron familiarizarse con varias pezas radiofónicas de teatro, para despois comezar a traballar nas que eles mesmos locutarán. Esta xornada completarase con outras sesións que se realizarán nos propios centros entre o 5 e o 8 de novembro, nas que se abordarán claves de locución e interpretación ao tempo que o alumnado poderá perfeccionar as súas pezas. A emisión das locucións realizarase en Ames Radio (FM 107.2) entre o 26 de novembro e o 3 de decembro en horario de 13:30h a 14:30h e de 19:00 a 20:00h (de luns a venres).


A xornada formativa desenvolvida este mércores, 24 de outubro, tivo como obxectivo introducir ao alumnado participante no mundo do teatro radiofónico. Durante dúas horas, os rapaces/as puideron analizar e comentar diferentes pezas radiofónicas de teatro, tanto da Radio Galega como de edicións anteriores do Concurso de Teatro Lido de Ames. Na segunda parte da sesión, por outra banda, comezaron a traballar sobre os guións, escollendo o tema de cada grupo e abordando pautas de guionización.

Esta primeira sesión formativa completarase con unha serie de talleres que se realizarán do 5 ao 8 de novembro nos propios centros de ensino, nas que se abordaran técnicas de locución e interpretación. O paso final realizarase a semana do 12 de novembro, cando os grupos participantes realizarán a gravación e montaxe das pezas nas instalacións da radio municipal de Ames.

As pezas serán emitidas en Ames Radio (FM 107.2) entre o 26 de novembro e o 3 de decembro, nas seguintes franxas horarias: das 13:30h ás 14:30h e das 19:00h ás 20:00h (de luns a venres). Nestas datas, as pezas tamén estarán dispoñibles na sección de Avisos da páxina web municipal. A participación no concurso implica a autorización para estas emisións e a cesión a favor do Concello de Ames dos dereitos de comunicación pública, reprodución e distribución. Aos grupos participantes facilitaráselles unha copia da súa peza.
Nesta oitava edición do Desata a Lingua!!! participan un total de 85 rapaces e rapazas repartidos en 28 grupos, 19 do IES de Ames e 9 do IES de Milladoiro. Así, esta convertese na edición con maior participación ao longo dos oito anos de concurso.
Os premios para obras finalistas sumarán un total de 600 euros, repartidos en tres premios de 200 euros cada un. Por un lado, a audiencia da radio municipal será a encargada de escoller, entre as pezas emitidas, a obra que obterá o premio do público. A votación realizarase entre o 27 de novembro e o 4 de decembro, ambos incluídos, a través do enderezo de correo electrónico radioteatro@concellodeames.gal ou do número de teléfono 981 890 452. As persoas que queiran votar terán que identificarse. Só se computará un voto por persoa.

Alén deste, haberá outros dous premios escollidos polo xurado designado polo Concello de Ames: premio ao mellor guión orixinal e premio á mellor interpretación. Este ano, igual que na edición anterior, os premios daranse a coñecer e entregaranse nunha gala o 21 de decembro. Á gala asistirá todo o alumnado participante.



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Xornada de formación para os participantes do VIII Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames"