Pestanas principais

Os pais e nais do alumnado de sexto curso de educación primaria do Concello de Ames recibirán o luns unha charla informativa para previr condutas de risco

Sábado, 02 de xuño de 2012

[02-06-2012] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle o vindeiro luns, 4 de xuño, unha xornada dirixida ás familias do alumnado de sexto curso de educación primaria dos catro centros de ensino do Concello de Ames. Nesta actividade informativa, que comezará ás 20.00 horas, intervirán o alcalde de Ames, Santiago Amor; a psicóloga clínica, técnica de prevención de drogodependencias dos concellos de Ames, Brión e Negreira, Sagrario Ferreira; a directora do Instituto de Ensinanza Secundaria de Ames, María Soledad Louro; a directora do CEIP A Maía, Rosalía Avilés, e o garda civil do Plan Director Convivencia Escolar, José Souto.

O obxectivo desta charla informativa, organizada pola Concellaría de Sanidade, é informar e sensibilizar os pais e nais para prever diferentes condutas de risco ou situacións problemáticas derivadas do paso da educación primaria á secundaria. A charla, dirixida ás familias de 232 alumnos, tentará abrir un marco de debate e reflexión sobre o papel da familia na socialización e educación dos fillos. Búscase promover unha maior implicación dos pais e nais ou titores como axentes de saúde e fomentar a adquisición das competencias necesarias para que poidan desenvolver esta importante función de forma axeitada.

A través dos catro centros de educación primaria de Ames (CEP de Ventín, CEIP Agro do Muíño, CEIP de Barouta e CEIP A Maía) convocouse os pais e nais por medio de cartas nas que se lles lembraba que os rapaces están a piques de rematar a educación primaria para dar o paso á secundaria, un cambio que comporta para o alumnado unha serie de cambios que coincide coa súa chegada á adolescencia.

Con esta charla informativa, preténdese informar os pais e nais dos riscos que pode implicar para o alumnado este cambio. Algo que pode traducirse dentro do ámbito individual na perda dos niveis de rendemento escolar e na perda de seguridade ou autoestima, ao tempo que desde o punto de vista da socialización pode supoñer dificultades coa nova escola e nas relacións persoais, tanto cos iguais como co profesorado.

A xornada tentará resolver todas as dúbidas e inquietudes dos pais, que adoitan ter preocupación polo cambio que supón o paso de educación primaria a secundaria, pasando dun centro de educación infantil e primaria a un instituto de ensinanza secundaria.