[24-05-2016] Este mércores os pais e nais do alumnado de 2º da ESO dos IES de Ames e do Milladoiro están convidados, na Casa da Cultura do Milladoiro ás 19:00 horas, a un encontro sobre fomento de hábitos saudables e prevención de desordes alimentarios. Esta actividade completa un ciclo de charlas que profesionais sanitarios de Ames, xunto con profesionais do campo da psicoloxía e da psiquiatría, levaron a cabo en ambos centros co citado alumnado.
O alumnado de 2º da ESO do IES de Ames e do Milladoiro tiveron tempo para reflexionar sobre nutrición, hábitos saudables, os falsos mitos fomentados polos medios de comunicación e na rede ou a percepción dun ou dunha mesmo. Fixérono ao longo de dúas xornadas que se realizaron nas aulas de ambos centros, organizadas no marco do programa municipal Ames Saudable. Agora é a quenda dos pais e nais, cos que os profesionais que levaron a cabo estas actividades falarán no encontro deste mércores.
Durante dúas horas, entre as 19:00 e as 21:00 horas, os pais e nais escoitarán as intervencións de Isabel G. Lado, psiquiatra da unidade de desordes alimenticios do CHUS. Acudirán tamén os profesionais e as profesionais que participaron nas charlas co alumnado: Rosana Martínez, nutricionista municipal, Áurea Brea Fernández, psicóloga sanitaria especialista en desordes alimenticio a doutora Mª Madalena Seco Otero, coordinadora do Centro de Saúde do Milladoiro. Estes últimos compartirán co público, brevemente, o traballo realizado cos rapaces e rapazas de ambos centros, explicándolles os problemas que atoparon ao charlar e realizar actividades con eles e elas.
Un dos problemas, como lle explicou a nutricionista municipal Rosana Martínez a Ames Radio, foi o afastamento entre os coñecementos teóricos sobre nutrición dos e das adolescentes, “a maioría coñece ben a teoría: as inxestas que deberían realizar ao día, a necesidade de realizar exercicio físico, a importancia de certas grupos de alimentos na dieta ou as horas de sono que deberían durmir”, e a forma de levalos a práctica. Así, explicaba a nutricionista municipal, “seguimos vendo como rapaces e rapazas comezan a facer experimentos nesta idade, tratando de perder peso, por exemplo, antes do verán sen falalo cos seus pais e nais ou con profesionais”. Moitas veces, incide, “alentados polo que len ou escoitan en determinadas revistas ou medios de comunicación”.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Hábitos de alimentación saudables e prevención dos desordes para os IES"




