[16-03-2018] A segunda edición dos obradoiros de ciencia e medio ambiente do Concello de Ames volve ter, novamente, todas as súas prazas esgotadas, contando asemade cunha longa lista de espera. O obxectivo destes obradoiros é achegar ás nenas e nenos á natureza desde unha perspectiva científica, de maneira que comprendan os diferentes procesos e sistemas que dan lugar á vida ou que explican a súa existencia no pasado. Dada a grande acollida desta iniciativa, a Aula da Natureza volverá programar novas sesións, nas que poderán participar as cativas e cativos que desta volta quedaron en lista de espera.
Entender a ciencia como un xeito de achegarnos á natureza é a premisa baixo a que a Aula da Natureza organiza estes obradoiros, que buscan ofrecer ás crianzas un ollar científico sobre o medio, que lles permita entender o presente a través do pasado, comprendendo os procesos naturais que posibilitan a vida ou que a revelan en tempos anteriores.
Os obradoiros organízanse en función de dúas franxas de idade, tentando así atender aos diferentes desenvolvementos cognitivos de cada etapa do crecemento. Por unha banda, están os obradoiros encadrados no “Peque Ciencia Divertida, que están dirixidos a nenas e nenos entre os 3 e os 6 anos. O 10 de marzo realizouse o primeiro destes obradoiros no Pazo da Peregrina, mentres que o segundo terá lugar este sábado no mesmo espazo. No relativo á temática, a primeira sesión estivo protagonizada polos fósiles, no entanto que a segunda o estará polos sentidos en conexión coa natureza.
A “Ciencia Divertida”, pola outra banda, está orientada a nenas e nenos entre os 6 e os 12 anos, para os que a Aula da Natureza programou a realización de catro obradoiros ao longo destes meses. Se ben o primeiro xa se celebrou, aínda quedan tres máis que se realizarán o 31 de marzo, o 12 de maio e o 2 de xuño e nos que se abordarán, nesta orde, a fauna mariña, as reaccións químicas na natureza e o corpo humano e os seus procesos. Os obradoiros de “Ciencia Divertida” celébranse na Aula da Natureza, polo que contan con servizo de autobús.
As prazas dos obradoiros de ciencia e medio ambiente están esgotadas desde hai semanas, contando asemade cunha longa lista de espera. Por este motivo, a Aula da Natureza ten prevista a organización de novos obradoiros para as dúas franxas de idade, de maneira que todas aquelas cativas e cativos que quedaron sen praza nesta segunda edición poidan asistir aos obradoiros nun futuro. O “Peque Ciencia Divertida” volverá, deste xeito, no mes de maio. Porén, para a celebración da terceira edición do “Ciencia Divertida” haberá que esperar ata o comezo do próximo curso escolar.







