[11-04-2017] O goberno de Ames levou hoxe á Comisión informativa permanente de Economía e Facenda a aprobación inicial do Orzamento municipal do 2017 do Concello de Ames que acada os 23.294.000 euros e blinda a partida de servizos sociais incorporando unha partida para a nova Renda Social Municipal. O Goberno aposta con este presuposto polas políticas sociais, o rescate do servizos públicos e a participación veciñal.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, informa que este martes 11 de abril, presentouse para a súa aprobación inicial o novo Orzamento municipal de 2017 que recolle un forte incremento na cifra global do orzamento, de xeito que que acada preto de 23.300.000 €. “Recordamos que Ames ten un orzamento prorrogado que ven do exercicio 2012 e que se encadraba nun escenario do Plan de Axuste que implicou a concertación dunha operación de endebedamento por importe de 1.520.000€ para pago de facturas pendentes que non respondía á realización de novos gastos ou investimentos”, manifesta a concelleira, quen engade que “Tendo en conta esta operación e comparando o orzamento do 2012 co novo orzamento presentado do 2017 prodúcese un forte incremento na cifra de gastos de 1.745.000 € (8,10%) e na cifra de ingresos de 1.238.000 (5,62%)”.
“Este incremento -continúa Otero- débese fundamentalmente a unha clara aposta do equipo do goberno pola blindaxe dos servizos sociais incrementando notablemente o crédito asignado a esa área que supera os 2.000.000 €, e a apertura dunha liña de creación dunha Renda Social Municipal para dar resposta ás persoas que están en situación de risco de exclusión, iniciativa conxunta e compartida co Grupo Municipal Ames Novo co que se negociou o orzamento municipal”.
Tamén se incrementan -continúa a responsable de Economía e Facenda do Concello de Ames- as prestacións no Servizo de Axuda no Fogar en 18.262 h/anuais, dótase unha partida para alugueiro dunha vivenda social e investimento para acondicionar un local do Concello para vivenda social, así como as axudas/ subvencións ás entidades que colaboran na promoción e apoio social, abrindo unha liña nova de subvencións de concorrencia competitiva e refórzase o capítulo de persoal na área de servizos sociais” .
Estes orzamentos recollen tamén un esforzo inversor de forma que o capítulo de investimentos ascende a 2.328.000 €, realizando importantes melloras nas infraestruturas e servizos, saneamento, abastecemento, camiños veciñais, urbanización vías públicas, obras mellora accesibilidade, forte investimento en proxectos de mellora da eficiencia enerxética, acondicionamento espazos de usos múltiples nos centros educativos, melloras e novas infraestruturas deportivas, investimentos en promoción turística, administración electrónica, investimentos en materia de medioambiental e actuacións na área de normalización e comunicación.
Inclúese unha nova iniciativa de Orzamentos Participativos para investimentos no rural que se financiará con fondos propios e que permitirá por primeira vez ao Concello de Ames utilizar esa ferramenta de participación activa da veciñanza e crear un espazo de construción colectiva.
Grandes cifras
No capítulo de gastos destaca a aposta polo emprego público, incrementando a cifra de gastos de persoal (Capítulo I) en 760.000 € (10,61%), respecto do orzamento do 2012 e acadando unha cifra total en gastos de persoal de preto de 7.900.000 € un 34% da cifra total de gastos. Os gastos correntes (capítulo II) acadan a cifra de 11.300.000 € que supón un 48,59% dos gastos en bens e servizos, o que amosa unha mellora e ampliación de ditos servizos e programas conciliación, todo isto sen incrementar os impostos nin as taxas e prezos públicos. Redúcense os gastos financieros (Capítulo III) nun 84,70% que pasan de estar orzamentados en 2012 en 296.000 € a 45.000 € no novo orzamento de 2017.
“Todo este aforro foi produto do axuste dos tipos e o proceso de negociación que o goberno realizou coas entidades bancarias que acabou nunha forte redución tipos impositivos dos préstamos”, recorda Genma Otero. Tamén é salientable o incremento na cantidade destinada a amortización da débeda bancaria-Pasivo financeiro (capítulo IX), que neste orzamento 2017 incrementa en 430.000 € (un 177% respecto do 2012) asignando un crédito para a amortización anual no exercicio 2017 de 676.000 €, fronte ao Orzamento do 2012 que era de 243.000 €. "Isto amosa - salienta Otero- que está a reducirse fortemente a débeda do Concello de Ames que á entrada do novo goberno era de 4.395.000 euros e a data actual está en 3.295.000 €, é dicir que se reduciu en 1.100.000 € a débeda bancaria, nun 25% dende a entrada deste goberno".
Dentro do capítulo de ingresos a estimación da recadación por impostos directos (Capítulo I) sitúase na cifra de 7.348.000 € e representan o 31,55% do total de gastos, sube en 445.000 € (6,45%) respecto do orzamento do 2012, todo isto a pesares de fixarse un tipo impositivo menor do 0,44% no IBI e mantendo os tipos impositivos no resto dos impostos, mesmo incrementando as bonificacións; máis este incremento débese ao incremento da poboación do noso Concello e como consecuencia diso, o incremento dos padróns nos diferentes servizos.
No tocante ao capítulo III de ingresos (Taxas, prezos públicos e outros) estímase unha recadación de 5.800.000 €, un 25% do total do orzamento de ingresos. Os ingresos por transferencias correntes (Capítulo IV) acadan a cifra de 8.400.000 € e supoñen un 36,24% do orzamento total de ingresos, amosando este goberno unha maior capacidade de captación de recursos doutras administracións, que incrementa respecto do orzamento de 2012 en 1.400.000 €, nun 20,58%.
As transferencias de capital (Capítulo VII) acadan a cifra de 800.000 € neste orzamento, e a xustificación desta cantidade é que do total das cantidades que se recibirán do Plan da Deputación da Coruña (POS 2017) que son 1.560.000 €, unha parte importante (670.000 €) vai a ir destinada a financiar gasto corrente do exercicio que permitirá liberar crédito para destinalo a investimentos que se realizarían con fondos propios do Concello.
Proceso plenario
As novas contas foron apoiadas polos grupos de goberno e o grupo municipal de Ames Novo co que se mantivo nos últimos meses unha negociación aberta co obxectivo da aprobación dun orzamento necesario despois da prórroga continua das contas de 2012. O proceso de negociación pechouse cun acordo entre Goberno e Ames Novo e no que reflicten varias aportacións e programas froito da negociación. Unha vez ditaminado o expediente do orzamento na comisión informativa deste martes, o vindeiro martes 18 de abril levaranse a pleno para a súa aprobación inicial e posteriormente abrirase un prazo de alegacións de 15 días hábiles. O Goberno espera poder poñer en marcha o novo orzamento o antes posible, xa que moitos investimentos e programas están pendentes de poder iniciarse coa aprobación definitiva deste orzamento.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, manifesta “Estamos moi contentos de poder presentar por primeira vez uns orzamentos novos para Ames que superan xa os 23.000.000 € e nos que hai unha forte aposta pola blindaxe dos servizos sociais co compromiso de implantar a Renda Social Municipal, cunha nova iniciativa de proceso de orzamentos participativos no que se prioriza ao noso rural, con propostas para a recuperación dos servizos públicos, defensa do emprego público e de calidade, ampliación dos servizos de conciliación, fomento de iniciativas para o emprego e moitas outras actuacións e investimentos en todas as áreas, deportes, cultura, comunicación, medio ambiente, urbanismo, vivenda, turismo, mocidade...... e todo isto sen subir os impostos, taxas e prezos públicos dos distintos servizos. Con este orzamento amosamos que cunha xestión eficiente e eficaz dos recursos públicos este goberno está dando resposta ás necesidades das veciñas/as e seguirá traballando para cubrir todas as necesidades que vaian xurdindo que aínda son moitas. Novamente quixera agradecer as traballadoras do departamento económico e en especial á interventora municipal, grande equipo formado integramente por mulleres, o seu compromiso e esforzo para sacar adiante estes orzamentos nos que traballamos conxuntamente todas/os da man”.
Finalmente o Alcalde de Ames, Jose Miñones salienta “a importancia deste orzamento logo de 5 anos de prórroga continua cumprindo así co compromiso acadado na investidura. Para Miñones aprobarse un orzamento na situación política actual de Ames, estando tres partidos no goberno e en minoría, é un claro exemplo da estabilidade do Concello e un exercizo de responsabilidade dos grupos municipais do PSdG, Contigo Pódese, BNG e Ames Novo que souberon priorizar as necesidades da veciñanza sobre os intereses partidistas, e por iso agradece aos voceiros/as que levaron a cabo a negociación polo traballo e o diálogo amosado”.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames aprueba hoy un presupuesto de 23 millones"




