Pestanas principais

Os nenos/as de Ames teñen unha cita este domingo no Milladoiro para ver a obra de teatro "O bufón do reino"

Sábado, 26 de marzo de 2011

[26-03-2011] A obra de teatro infantil "O bufón do reino" representarase este domingo na Casa da Cultura do Milladoiro a cargo da compañía Pinga Teatro. Os máis pequenos de Ames poderán asistir a esta representación na que se requirirá por momentos da súa participación activa. Na obra participan Miquel Condal, María Carrera e Carlos Clemente, e representarase ás 17:00 horas. Esta representación encádrase dentro da programación teatral que leva a cabo, ao longo de todo o ano, o Concello de Ames.

"O bufón do reino" ofreceralles unha tarde de domingo divertida para os máis novos de Ames e os seus familiares. A obra de teatro, dirixida especialmente a nenos e nenas a partir dos catro anos, representarase a partir das 17:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. A compañía Pinga Teatro intentará así ofrecer 50 minutos de entretemento e bo humor aos cativos do concello.

A obra narra a historia dun rei, nun reino imaxinario, ao que nunha mañá soleada e primavera lle abandona o don da fala e máis o da risa. Os seus achegados, os seus asesores e o conxunto do pobo non sabían que facer daquela. O tempo pasou ata que un día xurdiu da néboa un bufón, máis ben unha bufona, co obxectivo de devolverlle o don da fala e a risa ao monarca a cambio de practicamente nada.

O espectáculo está deseñado de tal xeito que por momentos require da participación activa do público. O autor da obra é Miquel Condal, e a música corre a cargo de María Carrera. Ambos os dous forman parte do elenco xunto a Carlos Clemente.